Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).O Pleno do Congreso dos Deputados deu luz verde á proposición non de lei do BNG que insta ao Goberno a incluir criterios medioambientais nos concursos e contratos de obra pública. Ademáis, pede que se teñan en conta as recomendacións para as Administracións públicas contidas no Libro Verde da UE e nun Informe aprobado no Congreso.
A sesión plenaria desta tarde debatía unha proposición non de lei de Davila nesta sentido. Dado que o Pleno tamén abordaba unha proposición do grupo socialista sobre esta temática, chegouse a un acordo transaccional unánime que recolle os puntos da iniciativa do BNG e outros do grupo socialista, así como emendas do grupo popular e de CIU.
Davila explicou no Pleno que o que motivou a proposición do BNG foi unha resposta do Goberno sobre os enormes prexuizos que ao sector da pedra lle están a causar as crecentes importacións de pedra procedentes de China para ser utilizadas en obra pública. “Nesa resposta o Goberno afirmaba que según as normas internacionais da OMC, non é posíbel exixir á pedra natural importada que na súa elaboración se cumpran os mesmos requisitos medioambientais e laborais exixidos na UE”.
A deputada do BNG censurou a resposta do Goberno porque “contradí os diferentes documentos que se aprobaron sobre responsabilidade social das empresas en diferentes organismos da UE e do Estado español”.
Premiar na obra pública ás empresas comprometidas social e ambientalmente
Olaia Fernández Davila lembrou os acordos do Congreso neste sentido, que recomendan que as Administracións públicas se comprometan no impulso do investimento socialmente responsábel. E incluso, ten unha recomendación de incluir nos pliegos públicos de compras e contratacións, aspeitos que primen a responsabilidade social das empresas, que premien ás empresas que “brindan á sociedade un valor adicional en materia ambiental ou social”.
De igual xeito, aludiu ao Libro Verde da UE, que tamén fomenta a responsabilidade social das empresas.
Mencionou estados da UE como o francés que si están a levar á práctica as recomendacións da UE, e teñen en conta este tipo de políticas de responsabilidade social á hora de decidir a contratación das empresas que van facer as obras públicas.
O mal exemplo da utilización de granito de China na obra pública no Estado español
Puxo como exemplo ás empresas do granito do Estado español. “É un paradoxo que mentras se lles recoñece o seu compromiso coa responsabilidade social, o Estado español obvia estes valores e pretexta as normas internacionais da OMC como no caso da utilización de granito importado de China para obra pública”.
Para a deputada do BNG “non é de recibo a competencia desleal derivada da introducción no mercado de productos a moi baixo prezo grazas a incumprimentos das normas mínimas de sostebilidade medioambiental e explotación laboral”.
Precisamente, a Asociación Galega de Graniteiros defende como medidas para paliar os efectos da crise que padece o sector, que as Administracións públicas teñan en conta o esforzo que fan á hora e ter en conta as recomendacións do Libro Verde e o Informe aprobado no Congreso.