24 junio 2009

Vigo : llega "O Marisquiño"

Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O concelleiro de Cultura, Xesus López, anunciou este martes que a novena edición de Marisquiño comezará o 3 de xullo cunha festa concerto na Sala A!, onde ás 20 horas actuará a banda californiana No use for name. Ademais, avanzou que o remate do festival correrá a cargo de La Mala Rodríguez, nun concerto gratuito no peirao de Trasatlánticos o día 9 de agosto. “É unha iniciativa dirixida a xente nova, pero tamén a un público adulto e familiar”, salientou o concelleiro do BNG.

Na presentación do festival, no que tamén participaron os responsables da organización Carlos Domínguez “Pity”, e David Lago “Tibe”, o edil nacionalista lembrou o nacemento do Marisquiño, no ano 2001, como un campionato de skate. “Co paso do tempo foi medrando até o que é hoxe, con diversas actividades culturais e artísticas”, afirmou. Segundo o concelleiro de Cultura, trátase dunha iniciativa que “canaliza as diversas tendencias que existen actualmente na mocidade e cunha gran repercusión mediática grazas ao traballo feito nos últimos anos”.

Na súa intervención, o concelleiro de Cultura fixo tamén referenza aos datos de participación na pasada edición do Marisquiño. Ao respecto indicou que o campionato de skate contou coa participación de 450 deportistas; no tocante ao público participante, sinalou que ao longo das xornadas a convocatoria contou cun total de 30.000 asisitentes e 7.500 persoas asisitiron ao concerto de Violadores del verso. Por outra banda, Xesus López felicitou aos organizadores do Marisquiño en nome da Concellería de Cultura “polo esforzo e o traballo desenvolvido”.

O coordinador da organización, Carlos Domínguez, agradeceu á Tenencia de Alcaldía e ás Concellerías de Xuventude, Deportes e Cultura, “porque sen ellas non habería Marisquiño este ano”. Ademais, destacou que este ano mantense a liña da innovación coa “integración do Marisquiño na cidade” mediante a celebración dun descenso urbano dende o Concello ata o Náutico. Explicou que esta proba está a xenerar “gran espectación”, e xa está confirmada a participación de máis de dez corredores nas distintas categorías, procedentes de distintos países.

Segundo sinalou Carlos Domínguez “Pity”, respecto ao break dance tamén están xa confirmados “os mellores do estado español, de xeito que teremos o mellor campionato de Europa”. Outra das actividades previstas dende o 3 de xullo ao 9 de agosto é o street art, é dicir, a posibilidade de plamar a propia obra de arte nun mural.

David Lago “Tibe”, pola súa banda, salientou que a festa presentación do Marisquiño contará nesta edición cun “grupo de culto”, como é No use for name. “É un grupo californiano que fai punk rock, pero que tocan todos os estilos que lles gusta á xente nova”, explicou. As entradas para asistir ao concerto, que terá lugar na Sala A! a partir das 22 horas, poden adquirise a través da taquilla de Servinova ou nas tendas de discos Tipo e Lp a un prezo de 18 euros. No tocante ao concerto gratuíto que pechará a edición do Marisquiño de 2009, a cargo de La Mala Rodríguez, o 9 de agosto no peirao de Trasatlánticos ás 22 horas, salientou que será “un gran concerto”.