24 junio 2009

Xunta anuncia ayudas para el sector hostelero y de establecimientos turísticos

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O conselleiro Roberto Varela anunciou hoxe, tras manter unha reunión con empresarios do sector hostaleiro de Baiona, a próxima convocatoria dunha orde de subvencións, por un importe de 3.842.985 euros, destinadas a empresas privadas para a creación e mellora de establecementos turísticos. A Consellería de Cultura e Turismo prevé conceder estas axudas en dous anos, cun total de 1.700.000 euros en 2009 e 2.132.985 en 2010.

Entre as actuacións que se poderán beneficiar por estas subvencións serán a creación e mellora de establecementos turísticos, a creación de establecementos hoteleiros de nova construción e a mellora de establecementos turísticos aloxativos. Asemade, a creación e mellora de restaurantes entrará dentro da orde de axudas sempre que nos investimentos se aposte pola gastronomía galega e o uso de produtos autóctonos.

O conselleiro de Cultura e Turismo desenvolveu unha completa axenda na súa visita institucional á vila de Baiona en resposta á invitación realizada polo seu alcalde Jesús Vázquez Almuiña. Despois da recepción oficial no concello, Roberto Varela fixo un percorrido polo Casco Histórico e avanzou diferentes proxectos de promoción da Baiona polo seu “papel fundamental na comercialización dos produtos turísticos galegos nos mercados emisores máis relevantes como a Galicia interior, o resto de España (Madrid, Barcelona, País Vasco ou Andalucía) e Portugal”.

Campaña de promoción

Neste sentido, o conselleiro confirmou que o Val Miñor será obxecto dunha campaña específica para a súa promoción como destino especialmente dirixida ao turismo do interior e do Norte de Portugal. A Consellería de Cultura e Turismo investirá este ano 17.400 euros en insercións publicitarias en medios galegos e portugueses e en anuncios situados en valados publicitarios nas entradas a Galicia polas autovías de acceso dende a Meseta e dende Portugal.

“Baiona é un sinónimo de desenvolvemento turístico de calidade en áreas como o turismo náutico e o gastronómico e, agora, trátase de aproveitar tamén o efecto dinamizador do Xacobeo 2010”, asegurou. Segundo Roberto Varela, “traballamos para descentralizar o Ano Santo e amosarlle aos turistas que cheguen a Santiago a especialización doutros zonas que tamén vale a pena ver e disfrutar”. Neste sentido, a Xunta impulsará a presenza do destino Baiona nas feiras turísticas máis importantes e o desenvolvemento de novos territorios e ofertas como a Ruta das Reais Vilas, a Galicia das Rías e dos mil ríos, ...

Casa Museo da Navegación

Tras recibir a información sobre o estado actual do acondicionamento da Casa Carvajal para albergar o Museo da Navegación, o conselleiro de Cultura e Turismo comprometeuse a ter rematadas as obras de rehabilitación a tempo para a súa inauguración en 2010, coincidindo coa celebración do Ano Santo. Para Roberto Varela, trátase dun proxecto “atractivo” que debe traducirse nun Museo da Navegación “vivo e activo, cun completo programa de actividades paralelas para os visitantes”.

Respecto á creación do Arquivo Histórico Municipal na zona da Biblioteca, o conselleiro confirmou que recibirá o impulso do seu departamento para que sexa unha realidade coa maior brevidade posible.

Camiño Portugués pola Costa

Nesta liña de colaboración institucional, o Camiño Portugués pola Costa contará co apoio da Consellería de Cultura e Turismo aínda que a Xunta de Galicia non ten a potestade para incluír un novo Camiño nas rutas coñecidas. O conselleiro asegurou que se promoverá o estudo desa nova proposta e trasladar o seu resultado ao Consejo Jacobeo, previo paso polo Comité asesor do Camiño de Santiago.