Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, anunciou hoxe no Parlamento que a Xunta dedicará máis de 17 millóns de euros á mellora da productividade nas oficinas xudiciais e da calidade do servizo, ademais de realizar un esforzo para manter o incremento do cadro de persoal funcionario en 250 postos: máis do 10 por cento do cadro de persoal, que acada na actualidade os 2.421 postos de traballo.
Na súa comparecencia no Pleno da Cámara galega para avanzar as liñas estratéxicas do seu departamento para esta lexislatura, Alfonso Rueda, tamén avanzou en materia xudicial o plan da consellería para informatizar a xustiza de paz, dándolle un auténtico soporte informático para desenvolver o seu ámbito xurisdiccional e a xestión do Rexistro Civil. Nese sentido, apuntou que este mesmo verán quedarán informatizados 74 xulgados de paz e, nunha segunda fase que rematará a mediados de 2010, os restantes 196 xulgados de paz de toda Galicia.
En canto ás infraestructuras xudiciais, o conselleiro referiuse ás actuacións programadas na cidade de A Coruña, Santiago e Ferrol, que contan cun custo estimado de 9 millóns de euros. Así mesmo, tamén analizou as necesidades de Lugo e Ourense e reiterou a disposición da consellería a executar novas infraestructuras en A Coruña, Pontevedra e Vigo en canto os concellos poñan os terreos necesarios a disposición da Xunta, tal e como se tiñan comprometido. Igualmente, explicou que se proxectan novos edificios en Tui, Ponteareas, Muros e Celanova.
Ademais, e ante o constante aumento da litixiosidade, Rueda apostou por potenciar os mecanismos intraxudiciais e extraxudiciais de resolución de conflictos, xa que son mecanismos que permiten un aforro dos custos do litixio e unha maior rapidez e eficacia na resolución dos problemas.
En todo momento, o titular de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza apostou por traballar de xeito coordinado co Ministerio de Justicia, especialmente no que atinxe ás novas tecnoloxías e á xustiza gratuíta. Precisamente, Rueda explicou que xa ten solicitada un encontro co ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, para abordar cuestións como a demarcación xudicial, o despregamento da nova oficina xudicial ou a implantación plena das tecnoloxías da información e a comunicación.
Relacións institucionais
No ámbito das relacións institucionais, o conselleiro tamén revelou que solicitou ser recibido no próximo mes de xullo, ademais de por Caamaño, polos ministros de Interior –para buscar unha solución óptima á situación da Policía Autonómica- e co de Política Territorial –como responsable de impulsar a transferencia competencial que Galicia demanda-.
Sobre esta cuestión, Rueda advertiu que o actual Goberno galego non se propón “educar a Madrid, como se propuxeron outros”, xa que considerou que de nada serve conducir as relacións co Estado baixo a premisa da confrontación. “Este Goberno vai propiciar un clima de verdadeira cooperación institucional, que traia novos beneficios dende unha lealdade ben entendida sen renunciar por elo á necesaria firmeza”, salientou.
O conselleiro de Presidencia recordou que, pese ás ducias de transferencias citadas polo bipartito, na pasada lexislatura só se materializaron 11 traspaso. Fronte a iso, prometeu “menos grandes palabras e si máis resultados” e avanzou que a folla de ruta prevé instar en primeiro lugar á execución de acordos pendentes, como a transferencia de museos, bibliotecas e arquivos; o saldo da débeda de superficie; ou participar nas funcións da Inspección de Traballo.
De xeito paralelo, reabrirase o proceso para acadar novas transferencias, en materias como meteoroloxía; ordenación do sector pesqueiro; inspección e vixilancia pesqueira; autopistas e tráfico e seguridade viaria.
Administración local
En canto á Administración local, Alfonso Rueda apuntou ao diálogo permanente cos 315 concellos galegos como a mellor garantía de manter a autonomía local. Ademais, e no actual momento de crise e de perda de capacidade financeira dos municipios, o conselleiro anunciou a intención da Xunta de incrementar en 1,2 millóns de euros, este mesmo ano, o fondo non finalista que se destina aos concellos dende a Administración autonómica.
Ao mesmo tempo, comezarase a negociación para fixar o Fondo Galego de Cooperación Local dos vindeiros catro anos e darase un cumprimento “veraz, non de cara á galería” ao Pacto Local, para o cal a Xunta asumirá progresivamente os gastos que ata agora soportaban os concellos como consecuencia do mantemento de centros de saúde, centros de educación infantil e primaria e xulgados de paz.
Dentro dese importante esforzo por liberar aos concellos de gastos aos que dificilmente poderían facer fronte na actual situación económica, a Xunta de Galicia tamén asumirá os custes dos equipos necesarios para garantir a cobertura da Televisión Dixital Terrestre (TDT) en todo o territorio galego, liberando ás entidades locais de afrontar os gastos necesarios para afrontar o apagamento analóxico.
Ante a insuficiencia das actuacións levadas a cabo nos últimos anos, consistentes na convocatoria de liñas de subvencións, a Xunta destinará máis de 15 millóns de euros –aos que espera que se sumen as achegas das deputacións- para garantir que a TDT chegue a todo o territorio, garantindo así de xeito especial os dereitos dos galegos do rural.
Xestión de emerxencias
En materia de xestión de emerxencias, o conselleiro lamentou que a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) non cumprise coas expectativas coas que naceu, e polo tanto anunciou que será reformulada para garantir a súa plena operatividade. Entre outros cambios, mellorarase a capacidade de resposta do 112 aumentando ata 25 os 15 postos de traballo actuais, para garantir unha atención rápida e que se eviten colapsos.
Outra das medidas pasa pola profesionalización da axencia e, respecto á construcción dun novo edificio, tamén se reformulará. Nese sentido, Rueda explicou que se está a estudiar a localización da futura Axega nas instalacións da Academia de Seguridade da Estrada, co que se garantizaría un aproveitamento óptimo dos recursos e se podería acadar un aforro de máis do 50 por cento.
Tamén se revisará a Lei de Emerxencias para que o sistema non se basee na imposición de obrigas ás entidades locais que non están en condicións de asumir e dobrarase, como mínimo, a contía das axudas que perciben as agrupacións de Protección Civil.
Relacións exteriores, EGAP e Agasp
En canto ás relacións exteriores e coa Unión Europea, a Consellería de Presidencia aposta por darlle pulo á comunidade Galicia-Norte de Portugal, impulsar a participación europea na Conferencia de Asuntos Relacionados coas Comunidades Europeas e no Comité das Rexións, así como potenciar a Fundación Galicia-Europa. Outra das propostas é celebrar en Galicia un Consello Europeo de ministros de Cultura e, en materia de cooperación, redactar un novo plan director de cooperación galega.
En canto á Escola Galega de Administración Pública (EGAP), a Xunta aposta pola teleformación para ter unha verdadeira EGAP 2.0. Outra das principais novidades é que, de cara á selección e promoción interna dos empregados públicos, a escola elaborará e publicará os correspondentes temarios, que estarán a disposición dos cidadáns.
Finalmente, outro dos eixes da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza será axilizar as relacións da Xunta cos cidadáns, para o cal se suprimirán os trámites e a petición de documentos que non sexan necesarios e evitarase pedir documentos xerados pola propia Administración.