24 junio 2009

Los Feijóo´s anulan el parque medioambiental de Carballeda de Avia (Ourense)

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, anunciou no Parlamento de Galicia o rexeitamento ao Parque Medioambiental de Carballeda de Avia en Ourense, iniciativa conxunta das consellerías do bipartito de Medio Ambiente e de Vivenda e Solo, actuando esta última como promotora. Hernández fixo estas declaracións no transcurso da sesión de pleno que se celebrou esta tarde na Cámara galega.

Agustín Hernández suliñou que o Goberno galego vai anular este proxecto que “conta co rexeitamento manifesto da maioría social e mesmo dos técnicos do organismo encargado da súa promoción”.

Na súa comparecencia, o responsable de Medio Ambiente da Xunta asegurou que, tal como quedaron as cousas, Goberno galego non cree que exista a necesidade de pechar este proxecto, porque esta actuación xa estaba paralizada polo seu promotor, a anterior Consellería de Vivenda e Solo, desde decembro de 2008, xa que consideraba inviable esta actuación.

Agustín Hernández incidiu en que o Goberno bipartito tratou de vender fume con proxecto e, “unha vez máis actuou de costas ao interese da maioría dos veciños” e insiste en que “tras ver que os seus propios técnicos rexeitaban o proxecto metérono nun caixón, como ocorre noutros asuntos como o do AVE, quedaron caladiños, deixándolle outro “morto” máis ao novo Goberno”.

Na súa intervención, o máximo responsable de Medio Ambiente do Goberno galego anunciou que dende a Xunta de Galicia estase a traballar nun plan de residuos que acade o mellor consenso posible e resolva os problemas existentes.

O informe do bipartito
Hernández concretou que son moitos os datos que ofrece o informe da Dirección Técnica de Solo do IGVS do 23 de decembro de 2008, que conclúe que o proxecto é inviable, entre outros:
- A autovía A-52 atravesa o ámbito de actuación dividíndoo en dúas partes, una ao norte e outra ao sur da mesma. O Ministerio de Fomento propón un enlace coa autovía a través da N-120, cun custe aproximado de 15 millóns de euros. O informe do IGVS di que se esta é a única solución para a conexión viaria se debería reconsiderar a ubicación do parque.
- A topografía dos terreos onde se pretende emprazar o parque é moi complicada, existindo un desnivel de aproximadamente 50 metros entre as cotas superior e inferior. Estímase que o custe de movemento de terras pode representar o 40% do total do custe de urbanización interna do parque.
- As condicións do terreo, a presenza da autovía cruzando o ámbito e outros viais de acceso a Carballeda de Avia fan que a superficie dedicada a parcelas de uso industrial sexa un porcentaxe moi baixo do total do ámbito, polo que o prezo estimado de venda por metro cadrado supera os 100 euros, moi alto para a zona.
- Importante impacto paisaxístico.
- Alto custe das conexións exteriores de electricidade, abastecemento e saneamento:
o Para o abastecemento de auga habería que facer unha nova captación no río Miño, cunha estación de bombeo a máis de cinco quilómetros do parque empresarial.
o Para o saneamento sería preciso a construción dunha nova EDAR para 6.000 habitantes equivalentes.
o Para o subministro de enerxía eléctrica habería que instalar una liña de media tensión soterrada dende a subestación de Castrelo do Miño, a máis de cinco quilómetros de distancia.

Resume do proxecto
Segundo os datos dispoñibles o obxectivo dese proxecto sectorial era a creación dun gran polígono ambiental centrado no tratamento e reciclaxe de residuos no sur de Galicia, nunha superficie dunhas de 80 hectáreas, no concello ourensán de Carballeda de Avia.

As razóns que alegou o anterior Goberno para a elección do lugar eran, entre outras, a súa situación estratéxica, a súa boa comunicación, a existencia dun PXOM do término municipal e a posibilidade de ofrecer a superficie requirida.

A idea era que se asentaran alí, entre outras, plantas de tratamento de residuos sólidos urbanos, aceites vexetais e animais, aparellos electrónicos, disolventes, metais e compostos metálicos, pneumáticos fóra de uso, papel e cartón, plásticos, tóner e cartuchos de tinta ou ácidos.

Para levar a cabo o proxecto, en marzo de 2007 –hai máis de dous anos- asinouse un convenio entre as dúas consellerías mencionadas –Medio Ambiente e Vivenda-, Xestur Ourense e o propio concello de Carballeda de Valdeorras.

A Consellería de Vivenda estimaba o custo total do Parque nuns 40 millóns de euros.

Segundo o convenio o investimento para o 2007 ascendía a 4 millóns de euros.

O 17 de decembro de 2007 o IGVS presentou a comunicación do inicio do procedemento de elaboración do Proxecto Sectorial do Parque Empresarial.

O 3 de xaneiro de 2008 a D.X. de Desenvolvemento Sostible concluíu que o proxecto podería ter efectos negativos sobre o medio natural, polo que tería que someterse ao procedemento avaliatorio.

O 14 de abril de 2008 a D.X. de Desenvolvemento Sostible emitiu o Documento de Inicio, sen que desde entón (abril 2008) se tivera recibido máis comunicación en referencia a este proxecto, continuando a día de hoxe á espera de que o IGVS remitira a documentación para a realización da memoria ambiental.

Pola súa parte, o IGVS, organismo promotor das obras, non someteu a información pública o Proxecto Sectorial e paralizou a súa tramitación, seguindo as indicacións do informe da súa Dirección Técnica de Solo, que o 23 de decembro de 2008 considera inviable esta actuación.