14 agosto 2009

El PP y el PSOE se enzarzan por el "lamentable estado" de la Sanidad gallega

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O portavoz popular de Sanidade, Rosendo Fernández, lembroulle ao PSdeG que o verdadeiro disparate cometido na sanidade galega foi a perversa e desastrosa xestión do bipartito coas peonadas nos hospitais. O popular destacou que na pasada lexislatura se deron incoherencias tales como as destapadas polo Consello de Contas, que confirmou casos nos que se aumentaba a actividade extraordinaria nos hospitais mentres se reducía o rendemento da ordinaria. Nesta liña, afirmou que non se poden contratar peonadas sen avaliar cómo é o rendemento no horario ordinario.

O voceiro de Sanidade sorprendeuse polas acusacións do PSdeG e reprochoulle que se manifeste en contra da consideración do Consello de Contas de que a contratación da actividade extraordinaria se convertese en permanente durante a pasada lexislatura, o que non se axustaba a un plan de choque contra as listas de espera.

Neste sentido, Rosendo Fernández afirmou que a actividade extraordinaria pode ser necesaria nalgún caso, como excepcionalidade, pero que debe ser racionalizada e tamén asegurou que non é certo que se vaian a suspender as operacións e as consultas pola tarde.

O popular criticou que o bipartito deixase á sanidade galega nos peores niveis coñecidos despois de despilfarrar recursos públicos, de reducir o rendemento en quirófanos e consultas e de aumentar as listas de espera, a pesar de que intentaron disfrazalo a través de maquillaxe e de ocultación de datos. Por iso, o voceiro asegurou que non é de estranar que o Barómetro de 2008 do Ministerio de Sanidad establecese que Galicia é a segunda Comunidade Autónoma peor valorada en materia de sanidade.