24 abril 2009

Los Fondos del Museo de Pontevedra están de visita hasta el 12 de julio en Vigo

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, acompañado dos vicepresidentes, José Manuel Figueroa e Teresa Pedrosa, e o director do Museo Provincial de Pontevedra, Carlos Valle, presentaron esta mañá o programa dos fondos do Museo que dende o día 21 de maio e ata o 12 de xullo se exporá na Sala de Exposicións do Centro Cultural Caixanova, achegando a Vigo a case medio cento de obras dos artistas máis senlleiros do século XIX en Galicia.
Louzán explicou que “a partir do vindeiro día 21 de maio, a través destas 46 pezas pictóricas e escultóricas pertencentes á pinacoteca do Museo de Pontevedra poderemos revisar a evolución e a importancia histórica da Xeración de 1740, Neoclásica, nos seus maiores expoñentes: Gregorio Ferro Requeixo, Plácido Fernández Arosa, Felipe de Castro, Francisco Antonio Ferreiro, José Gambino e José Ferreiro”.
Tamén está presente nesta exposición a Xeración de 1800, englobada xa no Clasicismo Romántico e no Romanticismo, na que figuraron Juan José Cancela del Río, os irmáns Juan e Jenaro Pérez Villaamil, Dionisio Fierros, José Salgado, Serafín Avendaño ou Ramón Buch Buet.
Sen esquecer ós Académicos e Eclécticos da Xeración de 1850, Román Navarro, Modesto Brocos, Manuel Ángel Álvarez, Antonio Jaspe Moscoso, Silvio Fernández Rodríguez-Bastos, Alfredo Souto Cuero, integrantes da escola dos doentes.
Ou a Arturo Fernández Cersa, Ramón Rivas Llanos, Ovidio Murguía, Ramón Parada, Joaquín Vaamonde, Jenaro Carrero Fernández ou Mariano Tito Vázquez, que, xunto cos triunfantes Germán Taibo, Francisco Lloréns, Fernando Álvarez de Sotomayor e Isidoro Brocos, apuran as derradeiras luces do Naturalismo.
“En definitiva”, aclarou Carlos Valle, “presentamos máis dun século de esplendor artístico, reflectido a través da pintura e da escultura, e poñémolo ó alcance da man de todos os amantes da arte que se acheguen á Sala de Exposicións do Centro Cultural Caixanova de Vigo, nunha iniciativa histórica que non coñece precedentes, pero que será, de bo seguro, a primeira de moitas colaboracións neste eido”.
Louzán rematou apuntando que “para a Deputación de Pontevedra, como órgano dinamizador e promotor da Cultura, que a cidade de Vigo poida acoller agora esta mostra constitúe un motivo de profunda satisfacción, porque, transmitíndoa, somos conscientes da importancia capital da cultura, un dos principais activos da nosa sociedade, e tamén porque, sen o pasado e sen a historia, poucas cousas poderían comprenderse”, e aproveitou, por último para “invitar a todos os vigueses e a quen se achegue á cidade de Vigo, a testemuñar o magnífico valor desta mostra incomparable”.