VILAGARCIA/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O Goberno galego decidiu paralizar temporalmente o proceso expropiatorio dos terreos que afecta á construción do enlace do Curro Grande, incluído no trazado da nova autovía Curro-Baión, que conectará Pontevedra e Vilagarcía de Arousa. Esta medida responde ao obxectivo da Xunta de Galicia de levar a cabo un reestudo do deseño do enlace, para analizar unha posible minimización do impacto do actual trazado sobre os polígonos industriais proxectados no contorno.
No chamado enlace do Curro grande conflúen as autovías a Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa, a AP-9 e a estrada PO-531 entre Pontevedra e Vilagarcía. A decisión adoptada desde a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas conleva a suspensión temporal da convocatoria de pagamento dos depósitos previos do proceso expropiatorio.
Paralelamente, e, en consecuencia, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas paraliza tamén temporalmente o proceso expropiatorio dos terreos afectados pola construción do enlace do Curro Pequeno, na estrada PO-531 para analizar tamén as posibilidades de mellora do deseño.
A construción do enlace do Curro Pequeno, no termo municipal de Barro, pretende resolver un punto conflitivo para a seguridade viaria da circulación, xa que o forte tráfico da estrada, unido aos numerosos xiros á esquerda que se producen en dirección ao treito da antiga estrada C-531 realízanse en condicións de visibilidade moi comprometidas. Este fenómeno acrecentarase coa ubicación da beira da antiga estrada C-531 de tres polígonos industriais.
O enlace do Curro Pequeno consistirá na modificación da intersección a nivel para convertela nunha glorieta a distinto nivel, mediante a depresión do tronco da estrada PO-531 e a construción dunha glorieta superior que permita o tránsito de vehículos de todas as direccións e mellore o tránsito peonil entre as dúas partes da parroquia do Curro.
A Xunta decidiu paralizar o pagamento dos depósitos previos do proceso expropiatorio para analizar unha posible modificación do deseño que minimice o impacto sobre os bens e dereitos afectados.