24 abril 2009

E ainda o Touriño sacaba peito...: o paro subiu en Galicia máis do 50% nun ano

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- E Touriño ainda hai pouco contaba aquelas historias de que aquí, na Galiza estabamos mellor que no Estado tal e cual...cando a realidade era que o edificio caíaselle a pedazos a este indivíduo. Os números son os que son, de modo que ataxa de paro situouse o primeiro trimestre do ano en Galicia nun 12,22% da poboación activa e o número de desempregados ascendeu a 162.700, segundo a Enquisa de Poboación Activa (EPA) difundida hoxe polo INE.
Sobre o trimestre anterior, o paro aumentou un 26,10%, o que supón 33.700 persoas máis, e en relación ao mesmo trimestre do ano anterior a porcentaxe de desempregados subiu un 50,08% con 54.300 parados máis. Galicia contou entre xaneiro e marzo con 1.168.500 ocupados.
Por provincias, a taxa de paro máis alta atopouse en Pontevedra, cun 15,47% e 72.100 parados; seguida da Coruña, cun 11,46% e 65.200 parados; Lugo, con 8,90% e 13.600 parados; e Ourense, con 8,21% e 11.700 parados.
Pola contra, a maior a taxa de actividade está na Coruña, cun 58,03% e 504.100 ocupados; despois figurou Pontevedra, cun 57,63% e 393.700 ocupados; Lugo, cunha taxa de actividade de 49,54% e 139.200 ocupados; e Ourense, cun 49,42% e 131.300 ocupados. A nivel nacional, a taxa de paro aumentou 3,45 puntos ata situarse no 17,36% da poboación activa no primeiro trimestre do ano e o número de desempregados alcanzou os 4.010.700, tras incrementarse en 802.800 persoas nese período.