24 abril 2009

Núcleos a menos de 100 metros del litoral : el BNG quiere que no haya atropellos...

MADRID (MORRAZO-tribuna) .- A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha proposición non de lei na Cámara Baixa na que insta ao Goberno a abrir un proceso de diálogo coa Xunta e cos concellos afectados a fin de resolver o problema da inestabilidade xurídica na que se atopan diversos núcleos de poboación situados na costa galega a menos de cen metros desde o límite do litoral.

Davila refírese a poboacións como Loira, Aguete, Teoira, Casás ou Mogor ubicados no concello de Marín, ademáis doutros asentados na costa coruñesa.

Nesta proposición non de lei a deputada do BNG tamén empraza ao Executivo a retirar a decisión adoptada no Consello de Ministros do 17 de abril de interpór un recurso ante o Tribunal Constitucional contra a Disposición Adicional Segunda da lei de Vivenda de Galiza.

Nun terceiro punto, Davila empraza ao Goberno a proceder á modificación da Lei de Costas 2/1988, de 2 de xullo, a fin de solventar os conflitos derivados da aplicación desa lei en núcleos de poboación singulares e históricos situados no dominio público marítimo terrestre.

Núcleos urbanos de Marín con importanza histórica

A parlamentar do BNG menciona na iniciativa ao concello de Marín que, ao igual que outros moitos de Galiza, conta con asentamentos poboacionais tradicionais situados na costa desde o século XIX e ligados a actividades pesqueiras. Tal é o caso de Loira, Aguete, Casás e Mogor, entrou outros.
Davila resalta a importanza histórica destes núcleos urbanísticos e sinala que no “caso de Loira, Teoira, Casás e Aguete teñen a súa orixe na industria da salazón, asentada en Marín no século XII e Mogor foi construido pola Administración no ano 1963, polo tanto, tratánse de núcleos anteriores ás normas subsidiarias de planeamento do concello de Marín aprobadas no ano 1978 e a Lei de Costas de 1988”.

A Lei de Vivenda de Galiza tiña unha solución

A deputada nacionalista pón de manifesto que a Disposición Segunda da Lei de Vivenda 18/2008 de Galiza, “establece unha saída legal para os núcleos preexistentes de carácter tradicional afectados por un erro de clasificación urbanística cometido pola Administración municipal”. E precisamente a Xunta, “en uso das súas competencias de ordenación do territorio, recoñece a preexistencia destes núcleos através de dita Disposición Adicional segunda”.

Pero, lamenta Davila, “a decisión do Goberno central elimina a posibilidade de acadar unha solución definitiva a esta problema. No eido político, ao non recoñecer a lexitimidade competencial de Galiza, e no social, ao obstaculizar, máis unha vez, o arranxo da situación de inseguridade xurídica de moitos veciños afectados”.

Davila interpelará a Espinosa no Pleno da semana vindeira

De aí que a parlamentar nacionalista inste ao Goberno a reconsiderar a súa decisión. É por iso, que se vai dirixir á Ministra de Medio Ambiente e Medio Mariño no Pleno do Congreso da vindeira semana para preguntarlle sobre esta cuestión.