23 abril 2009

Jorquera vuelve a apretar las clavijas a Zapatero

JORQUERA DÍLLE A ZAPATERO QUE SE QUER ACORDOS CO BNG SON NECESARIAS TRES PREMISAS: RESPECTO Á PLURALIDADE NACIONAL, COMPROMISOS FIRMES CON GALIZA E POLÍTICAS DE ESQUERDAS. -
O deputado do BNG considerou que os cambios realizados polo Presidentes son insuficientes e que “desaproveitou a ocasión para unha maior austeridade, suprimindo Ministerios como Cultura e Vivenda cuxas competencias están nas CC.AA”
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, cualificou a remodelación do Goberno realizada por Zapatero de insuficiente, e lamentou Jorquera lamentou que desaproveitara a ocasión para “introducir unha maior austeridade no gasto corrente, suprimindo Ministerios en áreas onde as competencias están residenciadas nas CC.AA, como o caso de Cultura e Vivenda”.

O Presidente do Goberno español comparecía esta mañá no Pleno para dar conta dos cambios introducidos no seu gabinete.

Na súa intervención, Jorquera comezou lembrando ao Presidente do Goberno que o BNG xa “lle advertira ao inicio da lexislatura que estaban a facer unha errónea leitura tras as últimas eleccións Xerais”. Así como unha leitura errónea no económico e, sobre todo, “efectuaron unha leitura errónea no político porque sobrevaloraron a posición do PSOE e iso se traduciu na falla de dispór a negociar apoios para a investidura e acordos para a gobernabilidade”.

A consecuencia, sinalou o deputado do BNG, foi “un Goberno de perfil baixo e de clara fraxilidade”. “O desgaste que isto xenerou foi evidente. Vosté perdeu a confianza e credibilidade e viuse forzado a levar a cabo unha remodelación do seu gabinete que nin siquera cumprira un ano de vida”.

Fraxilidade parlamentar

O portavoz nacionalista advertiu ao Presidente do Goberno que ao BNG “lle preocupa que estes nomeamentos sexan sintomáticos dun xiro cara posicións más refractarias á pluralidade do Estado, de abandono do discurso da España plural”.

No que atinxe á situación de fraxilidade parlamentar, Jorquera lembrou a Zapatero o desexo do seu partido “de superar a situaciónm apoiándose na esquerda desta Cámara”. Pois ben, reiterou dispór do BNG ao diálogo e a chegar a acordos pero baixo tres premisas: “apoiarse na esquerda exixe políticas de esquerdas, respecto á pluralidade nacional e compromisos firmes con Galiza”.

En Fomento hai que cumprir os compromisos subscritos co BNG

O parlamentar nacionalista cualificou a remodelación de insuficiente porque “non é suficiente con apostar por un maior impulso na acción do Goberno, é necesaria unha reorientación de moitas das súas políticas”.

Respeito ao Ministerio de Fomento, expresou o desexo do BNG de que “se traduza nun impulso decidido das infraestruturas galegas, coa plasmación dun calendario de obras fiábel”. Aludiu aos orzamentos, sinalando a necesidade de cumprir coa plena execución do consignado nos Orzamentos, “cumprir os acordos subscritos co BNG”.

En alusión á volta da Universidade ao departamento de Educación, dixo que “é necesario que se reconduza o proceso de Bolonia”.
No que atinxe á adscripción de Asuntos Sociais a Sanidade, afirmou que “debe ir acompañada dun compromiso decidido coa Lei de Dependencia e solucionar os problemas de financiamento”.
Respeito á Vicepresidencia 2ª, confiou en que “se reorienten as políticas contra a crise máis alá do ardor das xuntas”.

Precisamente en referencia á crise, afirmou que “desta crise ten que sair un novo modelo de desenvolvemento, pero tamén un novo modelo de reparto da riqueza. Por iso, é fundamental que a nova Vicepresidenta non se deixe levar polos cantos de sirea que solicitan recurtes no sistema de protección social, nos dereitos laborais ou na limitación das competencias da CC.AA sobre as Caixas”.

Unha ocasión desaproveitada

Jorquera lamentou que Zapatero desaproveitara a ocasión para “introducir unha maior austeridade no gasto corrente, suprimindo Ministerios en áreas onde as competencias están residenciadas nas CC.AA, como o caso de Cultura e Vivenda”. E criticou o “engarce pintoresco” dado a Deporte para “dar satisfacción ao seu desafortunado compromiso de crear un Ministerio”.

Para o deputado do BNG “é discutíbel que a existencia dun Ministerio de Cultura nun eido onde as competencias están transferidas ás CC.AA e nun Estado onde hai que falar dunha pluralidade de culturas”. E expreso a súa preocupación por ter elexido a unha persoa que apoiou un coñecido Manifesto que “presenta un mundo ao revés á hora de falar da problemática lingüística”.

En relación á Vicepresidencia 3ª, amosou o desexo de que non “signifique unha nova aposta polo café para todos”. Aquí lembrou a necesidade de avanzar cara un modelo de autoresponsabilidade das CC.AA nas políticas fiscais.