Por primeira vez na súa historia, o acto inaugural cambiou de escenario
LOUZÁN E DURÁN PRESENTAN NO AUDITORIO DE PRÍNCIPE FELIPE O ARRANQUE DO PLAN CULTURAL
- VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, acompañado do vicepresidente provincial, José Juan Durán, presentou no Auditorio da Cidade Infantil Príncipe Felipe o arranque do Plan Cultural da Deputación para o ano 2009, que acollerá a máis de 900 artistas e agrupacións da provincia.
O acto, no que estiveron presentes representantes das Escolas Municipais de Música de Valga, Tui, Baiona, Cambados e Ponteareas, serviu, por vez primeira, para celebrar a posta de largo en sociedade do Plan Cultural lonxe das instalacións do Pazo Provincial.
Louzán, que quixo agradecer tamén a presenza da Escola de Gaitas e Percusión da Deputación, “o noso proxecto máis ambicioso a nivel de formación musical, que aprende na actualidade a máis de 500 rapaces da provincia”, representada no acto por algúns dos seus alumnos e profesores, tivo tamén verbas de eloxio para a participación da Orquestra de Saxos de Redondela, que acudiu á cita inaugural “como botón de mostra dos distintos colectivos adscritos á nómina deste ano. Unha presenza realmente salientable que agradecemos profundamente”.
O presidente resaltou na súa intervención “a importancia da cultura tradicional como punto de referencia do Plan Cultural” e incidiu no obxecto de “perseverar e transmitirlles ás novas xeracións o acervo popular que nos distingue e, ó mesmo tempo, manter a firme vontade de proxectar a nosa identidade cara ó futuro”.
“Neste senso”, explicou Louzán, “o noso Plan Cultural constitúe a liña de colaboración máis importante que a Deputación de Pontevedra ofrece cada ano, en colaboración cos concellos, agrupacións e asociacións. Mediante este Plan, a institución que teño a honra de presidir inviste na retribución das distintas agrupacións, entidades e asociacións culturais, no seu afán por impulsar e fomentar a cultura popular nas múltiples e variadas expresións artísticas das diversas localidades da provincia”.
“Para a Deputación de Pontevedra”, engadiu, “supón un verdadeiro orgullo comprobar cómo ó numero de beneficiarios deste Plan medra cos anos, chegando a acoller no presente 2009 ata 900 agrupacións dos 62 concellos da provincia. As cifras, crecentes cada ano, amosan ás claras que non imos polo mal camiño”.
Por último, o presidente provincial lembrou que “a nosa vontade é a de brindar o apoio necesario á difusión da cultura, transmitir a semente do noso a mozos e maiores, constituír un fronte de divulgación para os nosos moitos e bos artistas, de xeito colectivo ou individual, representados por bandas de música, masas corais, grupos folclóricos, grupos de gaitas, de teatro ou de música tradicional e clásica”.