20 abril 2009

Importante feria del transporte en el recinto ferial de Ourense : Nortrans quiere ser todo un referente


Nortrans, punto de encontro dos profesionais do transporte na búsqueda de novas alternativas
O salón acolle as xornadas técnicas de mercadorías e viaxeiros que contan co apoio das principais federacións galegas

OURENSE (MORRAZO-tribuna) .-De carácter bienal, Nortrans, Salón do Transporte e a Loxística, regresa ó calendario feiral de Expourense para celebrar, os días 24 e 25 de abril, a súa sétima edición, convertido no punto de referencia do sector no noroeste peninsular, coa presenza de medio cento de expositores que abranguen distintas áreas do transporte por estrada, ferrocarril e mar.

O 6º Salón do Transporte e a Loxística foi presentado esta mañá no Club Internacional de Prensa en Santiago de Compostela nun acto no que estiveron presentes o presidente do Comité Executivo de Expourense , Ovidio Fernández Ojea, do presidente do Comité Galego de Transporte de Estrada, Raúl López, do presidente da Federación Galega de Transporte de Mercadorías, Alfonso Parga, e do director xerente de Expourense, Alejandro Rubín.

Todos eles coincidiron en sinalar a Nortrans como punto de encontro dos profesionais para analizar a situación actual do sector e onde “mostrar as inquedanzas que nos ocupan e preocupan”, tal e como indicou Alfonso Parga quen aproveitou para agradecerlle ós expositores a súa presenza no salon “nestes tempos difíciles para o sector”.

Polo que respecta ós problemas actuais do sector, Alfonso Parga, sinalou que o transporte de mercadorías, un sector no que traballan en Galicia máis de 32.000 persoas, dos cales entre o 30 e 40 % son autónomos, estaba a pasar por momento de incertidume debido sobre todo, “ó retraso nos cobros, á falta de traballo, ós prezos baixos”. No tocante ó transporte de viaxeiros, Raúl López, urxiu da necesidade de que a Administración aposte polo transporte público para poder ofrecerlle ó pasaxeiro un servizo moderno, de calidade e ó mellor prezo posible. Non pedimos subvencións, pedimos axudas para axudar ó viaxeiro. Antes contratar coa Administración Pública era un seguro de vida e hoxe non é así debido á falta de liquidez da mesma”.

A feira

Nos máis de 6.000 metros cadrados dos que dispón Nortrans estarán representados unha vintena de sectores entre os que destacan, sobre todo, a industria carroceira (coas principais marcas nacionais representadas), e os últimos modelos en vehículos de transporte de viaxeiros e mercadorías: pesados, medios, lixeiros, turismos de aluguer con conductor, vehículos para transporte fluvial e marítimo, isotermos e frigoríficos, autocares, autobuses de diversos tamaños, ambulancias, carretas elevadoras, etc. Sobresae ademais a presenza en feira de institucións como Portos de Galicia ou ADIF, que dará a coñecer no salón a situación actual das infraestruturas ferroviarias españolas. Outros dos sectores que se poden atopar no salón son a losloxística, mensaxería, recambios, limpeza, formación ou sistemas de tarificación horaria.

Nortrans, cuxo comité organizador ten á fronte ó presidente do Consello Galego de Transporte por Estrada, Raúl López, volverá contar co firme apoio das principais federacións empresariais do sector en Galicia, tanto de viaxeiros como de mercadorías, como son FEGATRAMER, ANETRA, TRANSGACAR, FEGABUS ou APETAMCOR. Todos eles mostraron o seu firme compromiso e apoio a Nortrans, un salón profesional que consideran propio e que lles serve de punto de encontro e debate, xa que serán varias as asociacións de profesionais do sector que celebren as súas asembleas anuais no marco desta cita.

Para facilitar a visita a Nortrans dos empresarios de dentro e fóra de Galicia, Expourense puxo a súa disposición un paquete especial de fin de semana que ademais da asistencia, aloxamento e manutención, lles ofrece a oportunidade de coñecer a cidade de Ourense e os seus enclaves termais. Pode consultarse na web www.expourense.org

VIII Xornadas Técnicas de Transporte de Mercadorías e Viaxeiros

De xeito paralelo a Nortrans terán lugar as VIII Xornadas Técnicas de Transporte de Mercadorías e Viaxeiros que tradicionalmente contan cunha alta participación e espertan o interese dos profesionais do sector, servirán para a análise da actualidade dun sector moi dinámico que precisa de actualización constante para facilitar a búsqueda de respostas, innovacións e alternativas para axudar ás empresas a superar os retos presentes e futuros e para facelas máis competitivas.

As xornadas adicadas ós profesionais do transporte de mercadorías comezarán o venres 24 de abril pola tarde coa celebración da mesa redonda “Alternativas para un sector estratéxico en crise” na que participará o presidente da Federación Nacional de Asociacións de Transporte de España, FENADISMER, e representantes de asociacións sectoriais de varias comunidades autónomas para trasladar o seu punto de vista. Ó día seguinte celebrarase un debate no que se analizará “o transporte de mercadorías fronte á crise” e no que tomarán parte responsables de distintas empresas do sector.

Polo que respecta ás xornadas técnicas de viaxeiros, e que terán lugar o sábado 25 de abril pola mañá, celebrarase outra mesa redonda que abordará o “Regulamento Europeo de Servizos Públicos de Transporte. As distintas posicións en torno ás prórrogas concesionais e aos servizos regulares de uso especial” na que participarán os presidentes das tres principais federacións galegas: TRANSGACAR, FEGABUS e ANETRA. Outro dos temas a abordar será “O transporte metropolitano”, unha mesa redonda na que se expoñerán experiencias de distintas comunidades (Asturias, Baleares, Cataluña e Galicia) e na que tamén participará o secretario xeral de ASINTRA (Federación Española Empresarial de Transporte de Viaxeiros).

A asistencia a estas xornadas ten un custo de 30 euros e precisa de inscrición previa a través da web www.expourense.org ou do número de teléfono 988 36 60 30. A cota inclúe documentación, coffee break, xantar de convivencia do día 25 e diploma acreditativo.

A sétima edición de Nortrans terá lugar en Expourense de forma simultánea con Previsel, Salón da Prevención e Seguridade Laboral, que celebrará a súa cuarta edición. Ambas as dúas feiras estarán abertas venres e sábado en horario de 11.00 a 14:30 e de 16.00 a 20.00 horas.