19 abril 2009

Jorquera quiere que el Gobierno aclare la empanada de la TDT y sus futuros descodificadores para canales de pago...

JORQUERA PREGUNTA AO MINISTERIO DE INDUSTRIA CAL É A PREPARACIÓN ANTE O PRIMEIRO APAGÓN ANALÓXICO DO 30 DE XUÑO E A QUE POBOACIÓNS GALEGAS VAI AFECTAR
O deputado do BNG tamén pede ao Ministro que impulse e defina descodificadores únicos e universais, compatíbeis con distinto mecanismos de cifrado xa que a maioría dos sintonizadores que se están mercando non sirven para TDT de pago

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Francisco Jorquera, rexistrou unha iniciativa parlamentar na que pregunta ao Ministerio de Industria cal é a preparación e que medidas se están a adoptar para o primeiro apagón analóxico que se vai producir o vindeiro 30 de xuño.

Ademáis, o deputado do BNG quer saber a que concellos e poboacións de Galiza vai afectar este primeiro apagón analóxico. Jorquera interésase polas previsións do Goberno para evitar os posíbeis problemas que xurdan con motivo desta primeira transición á televisión dixital terrestre. “Considera o Goberno que a cidadanía está suficientemente informada respeito á transición á TDT?”, é unha das cuestións que o deputado nacionalista formula ao Ministerio.

As datas do apagón analóxico: 30 de xuño de 2009, 31 de decembro de 2009 e 3 de abril de 2010

Lembra Francisco Jorquera que o 3 de abril de 2010 se producirá o apagón analóxico para dar paso á televisión dixital terrestre. Esta á a razón da existencia do denominado Plano Nacional de Transición á Televisión Dixital Terrestre que consta de tres fases. Unha primeira con data de 30 de xuño deste ano, unha segundo para o 31 de decembro de 2009 e a última o 3 de abril de 2010.

O parlamentar nacionalista explica que o primeiro grupo comprende os proxectos de transición para unha poboación inferior a 500.000 habitantes, o segundo para unha poboación intermedia, entre 500.000 e 700.000 habitantes e a última, para poboacións superiores a 700.000 habitantes. “Que avaliación realiza o Ministerio do desenvolvemento do Plano Nacional de Transición á TDT? Cal é a previsión respeito á primeira fase que se vai producir o 30 de xuño? Existe suficiente previsión?”, son algunhas das preguntas de Jorquera.

Necesidade de contar con sintonizadores universais e únicos

Outro dos temas que o parlamentar do BNG pón enriba da mesa é o relativo aos sintonizadores ou descodificadores. Neste sentido, salienta Jorquera que a maior parte de sintonizadores de TDT non serven para a TDT de pago. É dicer, “son equipos que non contan coas características técnicas básicas para receber os sinais da TDT de pago”. Así o puxo de manifesto a Asociación de Empresas de Electrónica e Comunicacións.

O problema, puntualiza Jorquera, está no feito de que a grande maioría dos descodificadores que se venderon, coñecidos como “zappers” só receben sinal dixial e a pasan ao televisor analóxico. Para que os usuarios poidan acceder a programs de pago estes sintonizadores deberían ter un “interfaz” común.

Nesa liña, lembra as manifestacións do propio Ministerio que apostaba por descodificadores únicos e universais pero aínda non perfilou nada ao respeito. Por iso, o deputado do BNG insta ao Industria a concretar e definir as características técnicas dos descodificadores para evitar que os usuarios teñan que adquirir diversos tipos de aparatos.