O BNG DEMÁNDALLE AO GOBERNO QUE NON AUTORICE PARQUES EÓLICOS NO LITORAL GALEGO EN CANTO O TRIBUNAL SUPREMO NON ACLARE O CONFLITO DE COMPETENCIAS COA XUNTA DE GALIZA .-
Xosé Manuel Pérez Bouza as dificultades engadidas que tería a rede eléctrica para evacuar a enerxía producida nestes parques
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O senador do BNG por designación autonómica, Xosé Manuel Pérez Bouza, ven de presentar unha iniciativa na que lle demanda ao Goberno que non autorice parques eólicos mariños no litoral galego en canto o Tribunal Supremo non se pronuncie sobre o recurso interposto pola anterior Consellaría de Innovación e Industria, dirixida polo nacionalista Fernando Blanco, que entendía que as competencias para este tipo de instalacións tamén son da Xunta de Galiza.
Xosé Manuel Pérez Bouza considera que o Real Decreto 1028/2007, de 20 de xullo, polo que o Ministerio de Industria establece o procedemento administrativo para a tramitación de solicitudes de autorización de instalacións de xeración eléctrica no mar territorial, “entra en conflito coas competencias da Xunta de Galiza”.
As instalacións de evacuación en terra son competencia da Xunta de Galiza
Neste sentido, o senador nacionalista considera que se ben é certo que as instalacións situaríanse sobre o dominio público marítimo, de competencia estatal, “porén, estas instalacións precisarán infraestruturas de evacuación da enerxía eléctrica que deberán estar localizadas en terra, o que afecta a competencias sobre as que Galiza podería ter competencias exclusivas”.
Posíbel insuficiencia da rede eléctrica de transporte
Ademais, o senador do BNG advirte de que a posta en marcha de parques eólicos no mar “pode ser un elemento distorsionador, xa que existen dificultades técnicas derivadas da insuficiente rede de transporte de enerxía eléctrica que dificultan que toda a enerxía que se xerará en Galiza no horizonte do 2012, coa entrada en funcionamento de novos parques eólicos en terra, sexa trasladada co normalidade aos lugares de consumo”.
Posicionamento unánime do sector pesqueiro en Galiza en contra destas instalacións
O representante nacionalista lémbralle ao Goberno que en Galiza “existe un posicionamento unánime en contra da instalación deste tipo de parques”, que segundo o Mapa Eólico Mariño que presentou recentemente o Goberno se poderían instalar no 75% da costa galega.
Neste sentido, lembra que tanto o sector pesqueiro e marisqueiro como o Parlamento de Galiza “expresaron claramente a súa oposición debido aos efectos negativos que terían estas instalacións sobre o medio mariño, a pesca e o marisqueo e o sector turístico”.
Acordo do Senado para que o Goberno teña en conta os informes da Xunta
Por último, Pérez Bouza lembra tamén que decembro de 2008 a Comisión de Industria do Senado aprobou unha moción do BNG, transaccionada co Grupo Socialista, pola que se insta ao Goberno a que teña en conta os informes da Xunta de Galiza á hora de autorizar parques eólicos de máis de 50 MW, caso dos parques mariños.