23 abril 2009

Nova Universidade
renueva sus liderazgos

A súa candidatura foi unanimemente respaldada
Jaime Cabeza Pereiro é nomeado coordinador de Nova Universidade
José Luís Legido xa confirmara a súa intención de non seguir liderando o grupo de oposición

- VIGO/PONTEVEDRA (Mª del Carmen Echevarría Diario da Universidade de Vigo)
O catedrático do Departamento de Dereito Público Especial, Comunicación Audiovisual e Publicidade, Jaime Cabeza Pereiro, foi designado nunha xuntanza celebrada hoxe, coordinador de Nova Universidade, formación opositora ao actual equipo reitoral. Os integrantes de Nova Universidade, liderados ata o de agora por José Luís Legido, apoiaron de xeito unánime a candidatura de Cabeza Pereiro que a partir deste momento desempeñará as funcións de coordinación de Nova Universidade e será con toda probabilidade o vindeiro candidato a reitor da formación.
Cando aproximadamente resta un ano para a celebración de eleccións na institución académica, Nova Universidade reorganiza a súa estrutura que non seguirá estando liderada por José Luís Legido quen o pasado mes de febreiro de 2008, nunha entrevista publicada no Duvi, confirmara a súa intención de non volver a presentarse ás eleccións.
Trala súa designación como coordinador de Nova Universidade, Cabeza comparecerá o vindeiro martes 28 de abril ante os medios de comunicación para dar conta dos seus plans.

Especialista en dereito laboral e en materia de xénero
Jaime Cabeza que formara parte da candidatura liderada por José Luís Legido nas eleccións celebradas o 23 de maio de 2006, é catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social e desenvolve a súa actividade investigadora no grupo DT1. Autor dunha decena de libros e colaborador en varias obras colectivas, Jaime Cabeza ten publicado numerosos artigos en revistas, centrando as súas últimas producións en temas como a prestación de desemprego dos inmigrantes retornados, o estatuto do traballador autónomo español ou os plans de igualdade e a negociación colectiva. Precisamente en materia de xénero conta cunha ampla obra destacando a dirección de proxectos de investigación subvencionados pola Cátedra Caixanova de Estudos Feministas e numerosos artigos publicados sobre igualdade e non discriminación no traballo.