O GOBERNO ADMITE AO BNG QUE “O MÉTODO DE AVALIACIÓN DO STOCK DE FLETÁN PRESENTA PROBLEMAS” E QUE A SITUACIÓN DO FLETÁN PODERÍA SER MELLOR QUE A AMOSADA NAS ANÁLISES
O Executivo recoñece que “o método “infraestima” a biomasa de fletán e “sobrestima” a mortalidade da pesca o que podería traducirse en que a situación real da poboación da especie é mellora que a amosada pola análise”
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O Goberno vén de recoñecer na súa resposta á deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, que o método “de avaliación do stock de fletán negro presenta problemas recoñecidos polos propios científicos” e que a situación desta especie podería ser mellor do que amosan as mostras.
A deputada do BNG dirixíase ao Goberno con motivo dos acordos acadados por NAFO na trixésima xunta celebrada en Vigo, na que se acordou o mantimento das cotas de fletán negro. Decidiuse manter os TAC de 16.000 toneladas.
Davila criticaba “a falla de unanimidade e de criterios homoxéneos dos estudos”
Davila quería saber que avaliación realizou o Goberno da xunta de NAFO e que posición defendeu respeito ao fletán. De feito a deputada do BNG recollía o descontento do sector porque se consideraba que había marxe para aumentar as posibilidades de pesca ante a evidencia de recuperación do stock desta especie. A parlamentar nacionalista criticaba a “falla de unanimidade e de criterios homoxéneos nos estudos científicos que se levan a cabo”.
Por iso, pedía ao Goberno que fixera xestións ante a UE para trasladar a solicitude de aumentar as capturas de fletán negro dada a melloría do caladoiro”.
Na resposta á deputada do BNG, o Executivo defende o mantemento dos TAC, pero si admite que o método de avaliación “ten problemas”. Así, indica que o “método infraestima a biomasa actual do stock, e doutra parte, sobrestima a mortalidade por pesca exercida nos últimos anos, o que podería traducirse en que a situación real da poboación é mellor que a que amosan as análises”.
Asemade, recoñece que os índices de abundancia e os rendimentos comerciais “aumentaron”. E unicamente alega que “existe unha grande incertidume o que levou á Comisión de Pesquerías a manter o TAC”.