A ESCOLA DE CANTEIROS INSTALA EN COMBARRO O CRUCEIRO DA RÚA QUE FOI RESTAURADO A PETICIÓN DO CONCELLO DE POIO
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra procedeu á instalación en Combarro do cruceiro da Rúa que foi restaurado por este centro a petición do Concello de Poio. Esta peza atopábase en malas condicións como consecuencia dunha caída accidental.
Trátase dun cruceiro do século XVIII-XIX dunha gran calidade de talla, de dado cúbico e vara de arranque cadrado con imaxe, capitel ornamentado e cruz con cristo e virxe do socorro nun solo bloque de pedra.
Esta peza sufrira importantes danos: catro roturas na vara, no capitel e na cruz. Na cruz contabilizáronse ata 126 fragmentos dos cales algúns eran de un centímetro cadrado aproximadamente. Esta parte do cruceiro foi restaurada con fibra de carbono de diferentes medidas nas fracturas e resina epóxica.
Así mesmo os encargados de restaurar o cruceiro procederon á extracción de todos os elementos metálicos e realizaron unha lixeira limpeza con auga destilada e cepillos de cerda natural.