Santi Domínguez reclamará ao novo goberno da Xunta a apertura en Vigo de novos centros de día públicos
VIGO (MORRAZO-tribuna) .- O tenente de alcalde, Santi Domínguez, expresou este xoves a súa vontade de poñerse en contacto coa persoa encargada de xestionar os asuntos sociais no novo goberno autonómico co obxectivo de trasladarlle a necesidade de abrir novos centros de día públicos. O nacionalista fixo estas declaracións no transcurso dunha visita que realizou ao centro de día Atalaia, na que tamén participou a concelleira de Benestar Social, María Méndez.
“Despois de falar cos usuarios e o persoal do centro, a concelleira de Benestar Social e máis eu temos claro que estas son as institucións públicas polas que temos que apostar”, destacou o tenente de alcalde. Asemade, Santi Domínguez sinalou que o obxectivo da visita é o de “comprobar in situ o funcionamento do primeiro centro de día público aberto en Vigo coa axuda do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar”.
Santi Domínguez subliñou a importancia de que as persoas maiores poidan “pasar toda a xornada nun centro coa posibilidade de estar atendidos e relacionarse con outras persoas da súa idade”. Ademais segundo o tenente de alcalde os centros de día son “unha aposta para que os maiores non teñan que ingresar nunha residencia privada sacrificando o seu contorno familiar”. Ao seu xuízo, co funcionamento dos centros de día como o Atalaia, “a súa calidade de vida está garantida”.
“Non imos permitir que se pare este camiño iniciado pola anterior Xunta”, asegurou, ao tempo que lembrou que o centro de día da rúa O Grove xa está practicamente rematado, polo que comezará a funcionar proximamente.
Os centros de día, xestionados polo Consorcio, prestan atención terapéutica e integral ás persoas maiores de 65 anos cumpridos ou excepcionalmente ás persoas maiores de 60 anos que presenten unha situación de dependencia física, psíquica ou social ou en risco de padecela. No caso do centro Atalaia, funciona dende hai pouco máis dun ano ofrecendo programas de intervención nas capacidades físicas e funcionais dos usuarios e usuarias, programas de atención sanitaria, de intervención psicolóxica, socioeducativa e familiar.
Preguntado polos xornalistas se lle gustaría que Corina Porro fose conselleira, o tenente de alcalde salientou que “o importante son as ideas non as persoas”, polo que espera que a persoa encargada da área de Servicios Sociais “lle teña tanto cariño a Vigo como o que lle tivo o anterior vicepresidente da Xunta” e aposte pola cidade na mellora dos servizos sociais.