O DEPUTADO PONENTE DE DEPORTES, JOSE ENRIQUE SOTELO ASINA OS CONVENIOS QUE POSIBILITARÁN A COMPRA DE VEHÍCULOS PARA CLUBES DEPORTIVOS DO MORRAZO.
O deputado, José Enrique Sotelo, asinou hoxe convenios de colaboración coas cinco entidades deportivas da comarca do Morrazo beneficiarias do plan da Deputación provincial de Pontevedra para a adquisición de vehículos para o transporte de persoas. Estes coches serán de entre seis e nove prazas.
CANGAS (MORRAZO-tribuna) .- O deputado, José Enrique Sotelo, asinou hoxe convenios de colaboración coas cinco entidades deportivas da comarca do Morrazo beneficiarias do plan da Deputación provincial de Pontevedra para a adquisición de vehículos para o transporte de persoas. Estes coches serán de entre seis e nove prazas.
Concretamente, Sotelo asinou os convenios con Elías Rial Martínez do Club de Mar Ría de Aldán para adquirir un Citröen Jumper Boxer minibus de nove prazas HDI 160, con aire acondicionado, Radio CD, e mandos no volante. Este vehículo ten un custe de 34.035 euros.
Con Juan Carlos Ruibal do Club Ciclista de Marín para adquirir un Citröen Jumpy 120 Combi de oito ou nove prazas por un importe de 26.693 euros. Con Guillermo Cordeiro López do Club Náutico Rodeira para obter un Citröen Jumpy 120 Combi de oito ou nove prazas por un importe de 26.229 euros.
Tamén con Cristóbal Hermida Freire do Club Ciclista de Bueu para mercar un Citröen Jumper de 25.082 euros. Finalmente, José Enrique Sotelo asinou un convenio de colaboración con José Francisco Budiño Pereira do Club de Mar de Bueu que posibilitará a adqduisición dun Citröen Jumper HDI160 Combi con aire acondicionado e banqueta na terceira fila de asentos. O importe deste último vehículo ascenderá a 33.956 euros.
O custe total dos cinco vehículos ascende a 145.995 euros. Deste orzamento, a Deputación asumirá o 23,1%; Caixanova outro 23,1% e, pola súa banda, a entidade automobilística Citröen realizará un desconto no prezo do 30,7% de xeito que, finalmente, cada club asumirá a contía restante, outro 23%.
Segundo explicou Sotelo, esta acción enmárcase nun plan impulsado pola Deputación en colaboración con Caixanova e Citröen que terá por obxecto a concesión de vehículos a 80 entidades asistenciais e deportivas da provincia sen ánimo de lucro. A Deputación está a investir nesta iniciativa un orzamento de preto de tres millóns de euros.
José Enrique Sotelo explicou que esta acción, ademais de satisfacer unha demanda recorrente por parte dos colectivos sociais e deportivos da provincia, tamén contribuirá á reactivación económica de sectores clave na economía provincial como é o da automoción e xerar emprego nestes momentos de crise económica.