Mellorará as estradas provinciais Moaña-Coiro, Portela-Beluso e o acceso á praia de Menduíña -
A DEPUTACIÓN SACA A CONTRATACIÓN TRES OBRAS NO MORRAZO POR IMPORTE DE 493.915 EUROS. -
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A Xunta de Goberno da Deputación aprobou hoxe o expediente de contratación de tres obras na comarca do Morrazo nas que investirá un total de 493.915 euros. Trátase, concretamente, da mellora da estrada Moaña-Coiro, do ensanche e mellora do acceso á praia de Menduíña, e do afirmado da estrada Portela-Beluso.
Moaña-Coiro (Cangas-Moaña)
A Deputación investirá 219.215 euros na mellora da seguridade vial de condutores e viandantes na estrada provincial 1104 Moaña-Coiro. As obras consistirán la limpeza de cunetas e no perfilado de taludes nunha distancia de 3.950 metros; na posta en rasante de 61 pozos de rexistro; e na mellora do firme actual e da zona ensanchada. Finalmente, procederase á sinalización horizontal e vertical da vía. O prazo previsto de execución unha vez se adxudiquen as obras será de seis meses.
Acceso á praia de Menduiña
Tamén a Deputación aprobou o expediente de contratación da obra de ensanche e mellora da estrada provincial 1009 de acceso á praia de Menduíña en Cangas. Esta obra terá un orzamento de 203.900 euros.
Os traballos consistirán no ensanche e explanación da vía con derrubo e construción de muros e peches de nova aliñación. Incluso novos muros de contención e sostemento necesarios para obter a plataforma desexada. Formación de paseos e cunetas e perfilado de taludes nunha lonxitude de 960 metros.
Tamén se acometerá a mellora dos drenaxes coa construción de 960 metros liñais de caño, 28 pozos de rexistro e 28 sumidoiros. Prevese tamén a formación de 300 metros cadrados de beirarrúas e unha partida para a sinalización da vía. O prazo de execución será de seis meses.
Portela-Beluso
Finalmente, a Xunta de Goberno tamén lle deu luz verde ó expediente de contratación da obra de afirmado da estrada provincial 1301 Portela-Beluso (tramo portela-polígono). O orzamento desta obra ascenderá a 70.800 euros.
Os traballos consistirán na limpeza de cunetas e perfilado de paseos en 1.150 metros. Na mellora do firme actual e na dotación dunha nova sinalización horizontal. As obras, unha vez adxudicadas, terán un prazo de execución de tres meses.