O DÍA DO EMPRENDEDOR AMOSARÁ AS CLAVES PARA POR EN MARCHA E CONSOLIDAR NOVAS OPORTUNIDADES DE NEGOCIO POLA VÍA DA INNOVACIÓN E A INTERNACIONALIZACIÓN
O encontro organizado pola Xunta a través do Igape e BIC Galicia, en colaboración co MITyC, desenvolverase en Santiago de Compostela o vindeiro 19 de maio
Os relatorios e demais actividades da xornada farán especial fincapé na necesidade de establecer vías de cooperación entre emprendedores, empresas e institucións, especialmente na actual coxuntura de crise
Entre os relatores destacados figuran Antonella Broglia, a creadora de “Update”, e Pedro Moneo, fundador e director de “Open Innovation”
COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna) .- O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e BIC Galicia, están rematando os preparativos para o Día Galego do Emprendedor, que se desenvolverá no Pazo de Congresos de Santiago o próximo 19 de maio. O principal obxectivo desta xornada, promovida conxuntamente co Ministerio de Industria, Turismo y Comercio, é facer visible, recoñecer e impulsar a iniciativa emprendedora como motor de desenvolvemento económico, xeradora de innovación e creadora de emprego e de cohesión social. Na edición de 2009, a cuarta da iniciativa “Emprendemos xuntos” promovida polo MITyC, farase fincapé na necesaria cooperación entre emprendedores, institucións e empresas, especialmente importante en momentos de crise coma os actuais.
As actividades previstas permitirán aos asistentes acceder a información, coñecementos e asesoramento individualizado sobre todo o relacionado coa preparación, a posta en marcha e a consolidación de novas iniciativas empresariais ou de empresas xa existentes. Os participantes no encontro tamén poderán establecer contacto con outros emprendedores e con diferentes axentes e entidades que traballan no eido da promoción económica e a creación de empresas.
O programa do Día do Emprendedor contempla diferentes opcións para os asistentes, todas elas deseñadas cun claro sentido práctico e coa idea de fomentar a participación e facilitar o coñecemento de experiencias empresariais de interese. Os contidos estrutúranse en 4 itinerarios ou liñas temáticas centradas nas oportunidades de negocio, a innovación, o financiamento e internacionalización e novos mercados. Para cada unha destas liñas vertebradoras haberá actividades de debate en forma de obradoiros e mesas redondas, espazos para entrevistas e asesoramento cara a cara e zonas habilitadas para exposicións temáticas sobre contidos como a innovación, o financiamento, a formación, a tecnoloxía, os viveiros de empresa e a internacionalización empresarial.
Entre os relatores do Día do Emprendedor de Galicia 2009 figuran destacados expertos, recoñecidos mesmo a nivel internacional, no ámbito do asesoramento a emprendedores e empresarios. Entre eles figura Antonella Broglia, que presenta desde hai dous anos o produto Update, que ideou xunto con Alfons Cornellá desde infonomía.com. Este produto supón unha posta ao día en forma de evento especializado concentrado en dúas horas, pensado para executivos e emprendedores sen tempo que perder. Cada evento Update fai síntese de todas as experiencias punteiras en termos de innovación empresarial, ciencia e tecnoloxía que apareceron no mundo durante un semestre. Ademais, estuda e explica os fenómenos da web 2.0.
A crise como oportunidade
Na súa intervención no Día do Emprendedor, Antonella Broglia fará unha exposición de exemplos prácticos con casos de emprendedores que, en diferentes países do mundo, están a ver a crise como unha oportunidade, emprendedores que están a lanzar novas ideas de produtos e servizos, así como novas formas de organización, xestión operativa e venda. Antonella Broglia amosará unha serie de exemplos comentados e algunhas ideas clave que explican as tendencias principais en curso, sempre desde un punto de vista optimista e inspirador para transmitir que, mesmo en momentos tan difíciles como o actual, a enerxía emprendedora non só está viva senón que goza de boa saúde.
Outro dos relatores destacados nesta edición é Pedro Moneo, fundador e director xeral de Opinno, Open Innovation, unha rede internacional de innovación aberta con sedes en Madrid e San Francisco. Moneo pronunciará a conferencia titulada “Emprender en tecnoloxía: desde un proxecto ata Silicon Valley”. Explicará que o concepto de innovación ten mudado sensiblemente, e se hai uns anos en España era o equivalente a “exportar”, hoxe hai que entendelo como unha canle de dupla dirección, onde resulta esencial localizar e intercambiar talento e coñecemento. A rede Opinno relaciona a emprendedores, tecnólogos e investidores. Emprega métodos experimentados no Silicon Valley e a área de Boston para acurtar a fase de lanzamento e potenciar o éxito de novas empresas de base tecnolóxica, desde a fase máis embrionaria ata o investimento de capital risco.
As incricións, gratuitas, deben facerse a través da web do Día do emprendedor de Galicia: http://www.diaemprendedor.com/
Outros enlaces de interese:
http://www.infonomia.com/update/
http://www.opinno.com/equipo-2/
http://www.emprendemosjuntos.es/