21 abril 2009

Los nacionalistas logran que haya unanimidad de exigencia al Gobierno sobre los precios de la leche

DAVILA LOGRA A UNANIMIDADE DO PLENO PARA QUE O GOBERNO ADOPTE MECANISMOS DE INTERVENCIÓN QUE EVITEN O DESPLOME DOS PREZOS DO LEITE EN ORIXE
A deputada do BNG transaccionou un acordo con todos os grupos sobre a base da súa moción para mellorar a situación dos prezos lácteos pagados aos productores

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .-O Pleno do Congreso dos Deputados aprobou por unanimidade, e a iniciativa do BNG, instar ao Goberno a adoptar todos os mecanismos de intervención previstos na lei que eviten o desplome dos prezos pagados en orixe aos gandeiros, co obxectivo de impedir o abandono de moitas explotacións agrarias.

A sesión plenaria da Cámara Baixa debatía unha moción da deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, cunha serie de medidas para mellorar a situación da baixada dos prezos lácteos pagados aos productores. A parlamentar nacionalista logrou a unanimidade ao pactar unha transaccional con todos os grupos parlamentares, agás o PP, en base ás propostas plantexadas polo BNG. O acordo recibiu os 342 votos a favor dos parlamentares presentes na Cámara.

Os puntos do acordo:

Mellorar a regulación do prezo de referencia do leite para que non sexa inferior ao custes de producción

O acordo consta dunha serie de puntos. Así, emprázase ao Executivo a que defenda no seno da UE o impulso das normativas destinadas a mellorar a regulación do prezo de referencia do leite de xeito que teñan en conta criterios como os custes de producción. Pédese tamén que defenda na UE o mantemento de mecanismos de regulación dos mercados que contribúan a manter un nivel de prezos internos estábel que poida repercutir sobre toda a cadea.

Control das importacións

Neste eido, o acordo demanda ao Goberno que aplique co máximo rigor, as medidas contempladas na lexislación comunitaria e española, para loitar contra as malas prácticas comerciais. De igual xeito, solicítase a posta en marcha, en colaboración coas CC.AA, dun programa de control do leite comercializado no Estado español para mellorar a transparencia da producción e comercialización do leite, tanto internamente como a procedente de intercambios comunitarios. “Os productos obxecto de intervención serán controlados polo Organismo Nacional de Intervención, FEGA, que garantirá que estes non retornen fraudulentamente ao mercado”.

Informe sobre as causas da baixada dos prezos e presentalo no Congreso

No que atinxe ás causas, ínstase a analizar e emitir un informe sobre as causas que provocan a baixada dos prezos do leite en orixe, así como a negativa dalgunhas empresas a continuar recollendo a producción láctea, e dito Informe deberá ser presentado no Congreso.

Promover a Interprofesional láctea

Por último, o acordo pede ao Goberno que intensifique as accións para que a organización interprofesional láctea sirva como institución representativa dos intereses do sector coa finalidade de tomar decisións como: a implantación e extensión en todo o territorio estatal do contrato tipo homologado para o subministro de leite, o establecemento da metodoloxía máis axeitada para a orientación do prezo e vixianza dun código de boas prácticas para evitar comportamento desleais.

Páganse prezos por debaixo dos custes de producción

Na súa intervención en defensa da moción do BNG, Davila puxo de manifesto a grave crise pola que atravesa o sector lácteo motivada “fundamentalmente pola caída dos prezos en orixe”. Advertiu da necesidade de adoptar medidas xa que en Galiza o ano pasado “pecharon 1200 explotacións, e como advirte o sector, serán máis de 3000 explotacións as que pechen no futuro se non se lle pón remedio”.

Subliñou o lugar destacado e o peso do sector lácteo galego, que é o que máis produce no Estado. “Para nós é un sector estratéxico que debe ser defendido”.
Lembrou que desde que “esta deputada interpelou sobre este tema á Ministra de Medio Ambiente e Medio Rural hai quince días, vimos como o conflito do leite foi motivo de noticia nos medios de comunicación pola manifestación dos gandeiros en Madrid”. Enfatizou o feito de que o prezo pagado aos productores está por debaixo dos custes de producción.