O plazo para presentar as ofertas e solicitudes remata o día 27 de febreiro
A DEPUTACIÓN CONVOCA O CONCURSO PARA A CONTRATACIÓN DO PROGRAMA DE BALNEARIOS 2009
PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Deputación de Pontevedra fixo público onte o anuncio da contratación mediante procedemento aberto da xestión, organización e realización do programa diurno de balnearios correspondente ó ano 2009, para o que se estableceu unha cantidade máxima de 200.000 euros.
As ofertas e solicitudes de participación poderán ser presentadas ata o venres, 27 de febreiro, mentres que a apertura das ofertas terá lugar no Pazo Provincial o mércores, 4 de marzo, ás 10 horas.
Os criterios que servirán de base para a adxudicación deste procedemento aberto, por orden decrecente de importancia, serán os seguintes: menor prezo, ata un máximo de 5 puntos; calidade dos balnearios ofertados, ata un máximo de 2 puntos; melloras ofertadas ás características mínimas esixidas, ata un máximo de 2 puntos; programa, ata un máximo de 1 punto.
A Deputación de Pontevedra ofertou o pasado ano un total de 4.200 prazas para o seu Programa de Balnearios destinado a maiores de 50 anos, das que 3.383 se ocuparon en dúas campañas, unha de primavera e outra de outono. Os beneficiarios deste programa tiveron a oportunidade de realizar estanzas de cinco tardes ou mañás nos balnearios da Toxa, Mondariz ou Cuntis, onde puideron desfrutar das actividades deste tipo de centros como son as diferentes piscinas, os servizos de masaxe, os jacuzzis ou as saunas.
Propósito do programa
O Programa Diurno de Balnearios ten por obxecto proporcionar ás persoas a partires dos 50 anos, pensionistas ou con necesidades de respiro familiar, unha serie de actividades encamiñadas a mellorar a súa calidade de vida e maila súa saúde.
Os beneficiarios serán recollidos nos puntos de saída sinalados por un autobús que os volverá traer de volta ós seus domicilios unha vez rematada a estanza de dúas horas no balneario escollido, desfrutando das instalacións contempladas no programa.
A iniciativa permitirá que os beneficiarios da mesma poidan pasar cinco tardes ou mañás seguidas –de luns a venres– nun balneario da nosa provincia, establecéndose para o desenvolvemento do programa dúas campañas: A de Primavera, que terá lugar durante os meses de Abril, Maio e Xuño, e a de Outouno, nos meses de Setembro, Outubro e Novembro.