CARME ADÁN COMPROMÉTESE A REFORZAR OS INVESTIMENTOS EN EQUIPAMENTOS DE BENESTAR EN MOAÑA E NA COMARCA DO MORRAZO
Lobeira: “A loita polo emprego será un dos nosos obxectivos desde o novo goberno”
MOAÑA (MORRAZO-tribuna) .- “Moaña seguirá contando co apoio do BNG desde o goberno galego para ser un referente en benestar social”, asegurou a candidata número 3 da lista nacionalista, Carme Adán, no mitin do BNG que tivo lugar na Casa do Mar.
“En Moaña abriron durante esta lexislatura unha galescola e un centro de atención aos enfermos de Alzheimer”, sinalou Adán, “porque este goberno estivo comprometido cos servizos sociais e coa igualdade, tras 16 anos nos que o PP se esqueceu das persoas máis necesitadas”.
“Pero queremos máis, como di o noso programa, e somos conscientes de que quizais sexa precisa unha nova galescola e tamén sabemos que desde o concello se está a traballar para conseguir un novo centro de día, un centro que será unha realidade para a nova lexislatura”, afirmou.
Novo Estatuto
A candidata número 3 do BNG asegurou que a nova lexislatura “ten que ser a do Estatuto de Nación para o noso país”. “Precisamos o novo Estatuto, e máis aínda agora, en tempo de crise, do que o precisabamos antes”, explicou. “Un novo Estatuto significa máis autogoberno, e iso implica poder xestionar os nosos recursos, aproveitar as nosas potencialidades e blindar as nosas competencias fronte ás inxerencias de Madrid”, afirmou.
“Non se trata só de defender a nosa identidade e lingua, que tamén, senón de que para saír desta crise, e saír reforzada, Galiza precisa empregar as súas propias forzas, non esperar a que os demais veñan a resolver os nosos problemas”, asegurou. “Como dicía o poeta, non virá de fóra remedio ou esperanza”, concluíu.
Bieito Lobeira
No mitin interviñeron tamén Uxío Piñeiro, candidato número 16, e o alcalde nacionalista de Moaña, Xosé Manuel Millán, así como o deputado e candidato número 4, Bieito Lobeira, quen asegurou que o BNG “non vai escatimar nengún tipo de esforzo na loita polo emprego en Galiza”.
Para o candidato do BNG, a actual crise económica reclama respostas firmes a curto prazo como a atención ás persoas en situación de desemprego ou o financiamento de actividades produtivas, mais tamén precisa “a aplicación de medidas que senten as bases dun cambio estrutural profundo, que xeren o desenvolvemento dun modelo novo de organización da economía”.
Nesta liña, Lobeira indicou que é imprescindíbel reforzar a capacidade investidora do sector público e orientala cara a creación de emprego e un crecemento sustentábel. “Non podemos saír da crise á costa dos traballadores e traballadoras, como quixera o PP. É máis, o BNG defende que aumente o poder adquisitivo dos salarios para reactivar o consumo”, sinalou.
Como medidas para acadar estes obxectivos, o deputado nacionalista destacou a necesidade de contarmos durante o vindeiro mandato cun Instituto Galego de Crédito. “Só o BNG é quen de garantir o desenvolvemento e a aplicación de medidas políticas para a loita contra a crise que poñan en primeiro lugar o interese dos galegos e as galegas” afirmou.