01 abril 2009

El BNG se aliará con ERC, Aralar y Eusko Alkartasuna para presentarse a las elecciones europeas

A EXECUTIVA NACIONAL PROPÓN AO CONSELLO NACIONAL QUE O BNG CONCORRA ÁS ELECCIÓNS AO PARLAMENTO EUROPEO EN COALIGACIÓN CON ERC, ARALAR E EA

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A Executiva Nacional do BNG acordou esta tarde propor ao Consello Nacional que a formación nacionalista concorra ás eleccións ao Parlamento europeu en coaligación con Esquerra Republicana de Catalunya, Aralar e Eusko Alkartasuna.

O Consello Nacional, máximo órgao do BNG entre asembleas nacionais, valorará esta proposta na reunión plenaria que celebrará o próximo sábado e na que se tamén se submeterán a debate o Documento Político e o Regulamento da Asemblea Nacional Extraordinaria prevista para o próximo día 10 de Maio.

A Executiva Nacional do BNG considera que esta é a mellor das opcións que se presentaban perante os nacionalistas galegos para instrumentar a súa participación nos comicios ao Parlamento europeu.

A opción alternativa –ir en coaligación coas formacións políticas socias do BNG na plataforma Galeuscat- non garantía que o nacionalismo galego fose obter representación, polo cal foi desestimada.

No actual contexto de grave recesión económica, cumpre máis que nunca realizar unha acción política perante as institucións comunitarias de defensa dos intereses de Galiza como nación e dun modelo social e económico claramente alternativo ao que se veu impondo desde Bruxelas desde a propia configuración da Unión Europea. A tal efecto, a participación do BNG no Parlamento europeo cobra unha especial relevancia.

O dereito a desenvolver plenamente a economía produtiva galega continúa batendo contra moitas directivas comunitarias –que prohíben por exemplo a Astano construír barcos ou que seguen discriminado o sector lácteo do noso país-, polo que o Bloque Nacionalista Galego vai centrar a súa campaña electoral na defensa dos intereses materiais do noso país.

O BNG quer enfatizar que a opción que hoxe propón a Executiva Nacional non vai en menoscabo do seu compromiso coa plataforma Galeuscat, que atopa no plano do redeseño do Estado español –e non tanto no escenario electoral- a súa verdadeira razón de ser.

O BNG manifesta a plena vixencia dos contidos políticos de Galeuscat, e entre eles nomeadamente a súa aposta pola cultura do diálogo e a súa determinación por defender o carácter plurinacional do Estado español.