O BNG CUALIFICA DE “PROVOCACIÓN E DECLARACIÓN DE INTENCIÓNS PREOCUPANTE” A DECISIÓN DE FEIJÓO DE AUNAR NUNHA CONSELLERÍA AS CARTEIRAS DE OBRAS PÚBLICAS E MEDIO AMBIENTE BAIXO O MANDO DE AGUSTÍN HERNÁNDEZ
Carlos Aymerich sospeita que a redución de departamentos é “unha operación cosmética”
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O portavoz parlamentar do BNG, Carlos Aymerich, lamentou esta mañá a decisión do presidente da Xunta de aunar nunha soa consellería os departamentos de Obras Públicas e Medio Ambiente.
O parlamentar amosouse especialmente cauto á hora de avaliar os datos sobre o novo Executivo e indicou que “saberemos se a redución do número de departamentos é puramente cosmética cando coñezamos a estrutura orgánica completa do goberno”.
Neste sentido, Aymerich lembrou que Núñez Feijóo xa anunciou no Parlamento que creará unha Secretaría Xeral da Igualdade dependente directamente de Presidencia, polo que augurou máis novidades neste sentido e insistíu en que “cando saibamos o número de secretarías e direccións xerais que se van crear dependendo deste e outros departamentos faremos unha avalación completa sobre unha redución que, en principio, semella cosmética”.
Para alén disto, o portavoz parlamentar cualificou de “especialmente preocupante” que se aúnen nun mesmo departamento as carteiras de Medio Ambiente e Obras Públicas porque “iso supón que a autonomía da Administración cando teña que avaliar o impacto ambiental desaparece”.
Esta decisión implica, tal e como denuncia Aymerich, “que o medio ambiente queda subordinado por completo” e indica que “sabendo quen vai ser o Conselleiro, isto é tanto como dicer que o medio ambiente queda subordinado aos intereses das grandes empresas”.
Para o portavoz do grupo parlamentar “constitúe unha auténtica provocación e unha declaración de intencións que unha persoa como Agustín Hernández, que alén de ter incumprido a lei de incompatibilidades, carece das condicións mínimas esixíbeis desde un punto de vista ético a un cargo público, ocupe este posto”.
“É evidente”, continúa Aymerich, “que o novo conselleiro non vai defender os intereses xerais de Galiza, senón os das grandes construtoras”.
Finalmente, o parlamentar subliña que, “nun primeiro repaso dos nomes e currículos dos integrantes do novo goberno revela o poder do PP español e de Génova na conformación da Xunta de Galiza”.