O BNG DEMÁNDALLE AO GOBERNO QUE “CONTROLE AS IMPORTACIÓNS DE LEITE” POIS DO CONTRARIO “REMATARASE CO SECTOR LÁCTEO ESPAÑOL”
Josep Puxeu recoñece ao senador do BNG que países excedentarios da Unión Europa estan a exportar ao Estado español “de forma non regulamentada”
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O senador do BNG por designación autonómica, Xosé Manuel Pérez Bouza, esixiulle hoxe ao Goberno que “controle as exportacións de leite procedentes doutros países, especialmente de Francia, para evitar un dumping de prezos que o que busca é rematar co sector lácteo español”.
Pérez Bouza respondeu deste xeito á intervención do Secretario de Estado de Medio Rural e Auga, Josep Puxeu, que , a petición do BNG, compareceu esta tarde na Comisión de Medio Rural do Senado para informar da situación do sector lácteo trala última reforma da PAC.
O Goberno recoñece que “a situación é moi complicada”
O representante do Goberno recoñeceu que “a situación é moi complicada (....) cuns prezos que son de dubidosa viabilidade para as explotacións gandeiras”.
Neste sentido, Josep Puxeu subliñou que as medidas adoptadas o pasado luns na Comisión de Agricultura da UE “son instrumentos de desconxestión pero non de renda nin de garantía de rendas”.
E é que para o secretario de Estado de Medio Rural a crise de prezos que padece o sector produtor “ten moito que ver co importante incremento da produción de grandes produtores lácteos Estados Unidos e Nova Zelandia”, cunhas exportacións á Unión Europea que distorsionan os prezos na Unión Europea “que no seu conxunto diminuíu a súa produción a pesar de que a demanda mantense”:
Por iso avogou por buscar solucións a nivel comunitario, no seo da Unión Europea, e a nivel local “coa organización dun verdadeiro sector lácteo que poida facer fronte ás situacións deficitarias e excedentarias de materia prima”.
O BNG demanda un incremento de cota para o Estado Español, unha petición á que se opón o Goberno
O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, expresou a súa “coincidencia” con algúns dos puntos expostos polo representante Goberno, pero salientou que “en boa medida, a situación actual débese a que o Estado Español é claramente deficitario en cota láctea”. O senador do BNG denunciou que “esta situación provoca que os estados excedentarios como Francia aproveiten para colocar os seus excedentes a un prezo moi inferior, un auténtico dúmping que busca acabar co sector lácteo español”.
Por iso, demandou que o Goberno “actúe ante a Unión Europea” para que o Estado español incremente a súa cota até cubrir o seu consumo interno. Porén, Josep Puxeu amosouse en contra deste incremento asegurando que “España non precisa un incremento de cota porque non teríamos demandantes xa que actualmente non cubrimos toda a nosa cota dispoñíbel”. “Unha resposta que, sen embargo, non ten en conta que Galiza si que incrementou a súa produción, e sobre todo ten un gran potencial para aumentar a súa produción leiteira”, retrucou o senador do BNG.
“É necesario compensar aos produtores pola desaparición da sistema de cotas”
Ademais, Xosé Manuel Pérez Bouza avogou por prorrogar o sistema de cotas máis alá do ano 2015 e que “en todo caso, se estableza unha fórmula de compensación pola desaparición as cotas, un patrimonio no que os gandeiros galegos e galegas investiron millóns de euros e que van perder todo o seu valor”.
Por último, o senador do BNG demandoulle ao Goberno que “se sigan fomentando os contratos homologados , a ser posíbel cun sistema de prezos mínimos que lle garantan unhas rendas dignas aos produtores”.