01 abril 2009

El auto del Prestige irrita al BNG

O BNG PIDE AO APARELLO XUDICIAL QUE RECAPACITE E ACTÚE CON NEUTRALIDADE PERANTE O AUTO DO PRESTIGE
Bieito Lobeira considera que a xuíza extralimitou a súas funcións empregando un informe “fraudulento” e advirte das súas vinculacións persoais con quen foi cargo público do PP no comezo da catástrofe do buque

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O deputado electo do BNG, Bieito Lobeira, vén de esixir do aparello xudicial do Estado que recapacite e actúe con verdadeira neutralidade perante o auto dictado pola Xuíza de Corcubión en relación coa causa do Prestige.

Bieito Lobeira compareceu en rolda de prensa para dar conta da posición do BNG perante este asunto e anunciou que esta formación política vai apoiar o recurso que vai presentar Nunca Máis a próxima semana. “Ademais, queremos facer un chamamento –dixo- para que a sociedade galega siga alerta e se manteña en garda”.

Neste sentido, o deputado nacionalista explicou que o máis “terríbel” e que o auto pon de manifesto que de acontecer unha catástrofe semellante se actuaría exactamente igual, “cando do que se trata coa causa xudicial é de que se pague por todo o dano causado pero, sobre todo, evitar que se reproduzan situacións semellantes”.

Para Lobeira, a Xuíza de Corcubión extralimitou as súas funcións ao empregar tan só un informe pericial que ademais é “fraudulento”, explicou, pois foi elaborado por unha persoa directamente implicada na equipa que xestionou a catástrofe, que ademais non ten titulación algunha en materia de mariña mercante e “que de forma totalmente acientífica deu o visto bo ás decisións tomadas nunha reunión celebrada seis días despois do sinistro, polo que cobrou 156.000 euros”.

O parlamentar do BNG cualificou de “inexplicabél” que o auto retire a imputación de López Sors e advertiu dunha susposta irregularidade máis, pois “é cando menos pintoresco –dixo- a forma de acceder a Xuíz ao caso, sendo Corcubión o seu primeiro destino a petición propia, e chama tamén a atención a súa vinculación ao PP, sendo o seu home un ex concelleiro popular no Concello da Coruña no momento de comezar a catástrofe”.