O PP DE O PORRIÑO DENUNCIA A FALTA DE RESPECTO DO GOBERNO LOCAL POLO DESCONTROL E A DESORGANIZACIÓN Á HORA DE CONVOCAR E CELEBRAR OS PLENOS
Despois de fixar, en sesión plenaria, unha data, os nacionalistas “desobedecen” o acordo constantemente en función dos seus intereses
O PORRIÑO (MORRAZO-tribuna) .- Dende o Partido Popular de O Porriño esíxenlle responsabilidade, seriedade e compromiso ó goberno local á hora de convocar e celebrar os plenos municipais. Despois de fixar os últimos xoves de cada mes como a data de celebración de ditas sesións, por acordo de todos os grupos políticos ó inicio da lexislatura, o alcalde, Raúl Francés, “desobedeceu en varias ocasións o aprobado polo pleno, organizando as sesións plenarias segundo os seus intereses e sen importarlle a situacións dos demais”, sinala Manuel Carrera presidente dos populares porriñeses.
Así, fai algúns meses o BNG pediu que a celebración dos plenos se pasase para os venres, “debido a que Pedro Pereira, concelleiro de Urbanismo, tiña asuntos persoais ós que atender os xoves, e o resto do grupo nacionalista tíñaos os martes e mércores”, apunta Carrera, “unha cuestión á que os populares accedemos sen ningún tipo de trabas”. Pero dende entón é cando se veñen repetindo os cambios e problemas: “convocan un pleno para un luns avisándonos o venres anterior e sabendo que ese día algúns dos concelleiros do Partido Popular non poden asistir”; a continuación, no mes de febreiro non se celebra ningún pleno ordinario, “nin se avisa e nin se dan explicación algunha”, aprazándose para o 12 de marzo, “do cal nos chega a notificación un día antes, cando a lei di que ha de ser con 48 horas de antelación, sen volvernos dar conta de ningún motivo”. A día de hoxe, o pleno ordinario do mes de marzo, previsto para o pasado xoves 26, “tampouco se celebra e, novamente, non dan xustificación algunha”.
Por todo isto, Manuel Carrera denuncia a falta de respecto tanto ós grupos da oposición, como ós veciños e medios de comunicación por parte do alcalde de O Porriño, “que con esta conducta de pasotismo e descontrol impide unha correcta organización e funcionamento; unha situación esta que nunca antes ocurrira no Concello ata a chegada do BNG”, conclúe.