21 abril 2009

Concello de Vigo y Deputación ofrecen atractivo plan social de ocio y bienestar

Benestar Social convoca en Vigo 400 prazas no programa de Balnearios para mellorar a saúde dos maiores

VIGO (MORRAZO-tribuna) .- A concelleira de Benestar Social, María Méndez, anunciou este martes que este ano o Programa de Balnearios convoca 400 prazas, 25 máis que no 2008, e incorpora a posibilidade de recibir tratamento no Talaso Atlántico. A edil do BNG sinalou que esta actividade, que O Concello de Vigo ofrece conxuntamente coa Deputación de Pontevedra, ten como obxectivo “mellorar a calidade de vida das persoas maiores e a súa saúde”.

María Méndez explicou que este programa está dirixido ás persoas maiores de 50 anos e as persoas pensionistas, que teñen de prazo para presentar a solicitude até o vindeiro venres, 24 de abril. O programa ofrécese en dúas temporadas, en primaveira e outono. Deste xeito, segundo explicou a concelleira de Benestar Social, 200 prazas corresponderán á temporada de primaveira, que se celebrará no mes de xuño, e 200 á de outono, que terá lugar no mes de outubro.

A edil nacionalista salientou que ademais do incremento respecto ás prazas convocadas, a edición deste ano aumenta tamén a posibilidade de elección do balneario, xa que o Talaso Atlántico se incorpora ao balneario de Mondariz, A Toxa e Cuntis. O programa, que se desenvolverá de luns a venres, pon a disposición dos usuarios e usuarias autobuses para ir e volver diariamente ás instalacións do balneario ao que se acuda. Cada sesión ten unha duración aproximada de dúas horas e para participar cada persoa beneficiaria ten que abonar parte do custo do programa, que van dende os 6 euros do Talaso até os 29 para ir ao balneario de Mondariz, xa que o Concello de Vigo aporta 32 euros por usuario.

María Méndez salientou que se trata dunha actividade que presenta unha “gran demanda e que pensamos seguir incrementando nos vindeiros anos”. Neste sentido sinalou que na edición pasada foron 1026 as solicitudes presentadas. “É unha actividade saudable que será estupendo ofrecer a toda a poboación”, subliñou. O desenvolvemento deste programa enmárcase no programa de avellentamento activo que se está a levar a cabo na Concellería de Benestar Social e que complementará coa organización da Primaveira e o Outono Cultural.