O Congreso Galego de Acción Voluntaria 2009 terá lugar o vindeiro xoves, 23 de abril
O encontro celebrarase no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela durante toda a xornada
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade organiza o Congreso Galego de Acción Voluntaria 2009 (CGAV ) o vindeiro xoves, 23 de abril baixo o lema "Acción voluntaria, acción transformadora". Este foro pretende ser un espazo no que as persoas voluntarias e responsables das entidades de acción voluntaria, de organizacións sociais, da administración, dos medios de comunicación, e outros axentes implicados no ámbito da solidariedade, se reúnan co obxecto de reflexionar e traballar en cuestións como a participación social, a solidariedade, a xustiza, as boas prácticas ou, en definitiva, na transformación social como finalidade da acción voluntaria. O congreso será un espazo dedicado ao debate, ao intercambio de información, á procura de novas tendencias, e por suposto á formación e a promover o encontro dos protagonistas da acción voluntaria na comunidade.
A edición deste ano mantén a novidosa estructura deseñada o ano pasado. Ademais dunha estética innovadora, o programa volverá dividirse entre conferencias matutinas a cargo de profesionais de recoñecido prestixio no sector da acción solidaria e a xornada das comunicacións. A través destas últimas, que discorrerán en seis salas simultaneamente durante toda a tarde, cederáselle o testemuño ás entidades de acción voluntaria para que relaten aos asistentes as súas experiencias e o traballo diario que realizan.
O congreso terá lugar no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela durante toda a xornada. A inauguración está prevista para as 10.00 horas e a clausura para ás 18.30 horas.
Toda a información sobre o Congreso Galego de Acción Voluntaria 2009 pódese atopar no portal voluntariadogalego.org.