PP ACUSA A XAIME REY DA OCULTACION DO INFORME QUE CUALIFICA DE ILEGAIS AS OBRAS DE ABASTECEMENTO DE AUGA EN RANDE
Os populares denuncian a falta de seriedade do Concello no financiamento das obras e estudan a posibilidade de emprender accións legais pola convocatoria irregular do último pleno
RTEDONDELA (MORRAZO-tribuna) .- O Partido Popular de Redondela denuncia, unha vez máis, a irresponsabilidade manifestada polo goberno local, referida neste caso á convocatoria “irregular e sen motivo aparente” do Pleno Municipal Extraordinario, para o xoves 2 de abril ás 09.00 horas, cun único punto urxente a tratar: as obras de abastecemento de auga dos barrios de Cabanas, Cotarel e A Formiga, un debate que ademais trouxo consigo o descubrimento da ocultación de informes, por parte do alcalde Xaime Rey, que amosan a ilegalidade dos labores levados a cabo en Cotarel (Rande).
A xustificación da celebración urxente do pleno baseouse na importancia de dita obra respecto a un retardo, novamente, nos prazos de tramitacións. Non obstante, dende o PP aseguran que o último documento aportado do expediente en cuesión data do 19 de decembro de 2008, sen que se informase entón de ningunha xestión que xustficase o retardo na súa tramitación.
Financiamento das obras
O problema agora radica no financiamento de ditas obras. Trátase dun proxecto que ascende a máis dun millón de euros, no que o Concello se comprometeu a contribuir nun 15%, como ben se indica no escrito que solicitou Augas de Galicia, empresa encargada da obra, o pasado mes de outubro.
A denuncia dende o Partido Popular xérase no momento en que o Concello pretende que Augas de Galicia financie o 100% do orzamento. Un acordo que se aproba, “precisa e casualmente, o memos día en que se constitúe o novo parlamento autonómico”, apunta Francisca Canal voceira do PP local. “Non estando en condición de aportar o solicitado por Augas de Galicia, como se expón no informe da interventora, pretenden agora que o novo executivo galego asuma un gasto que non se atreveron a pedirlle ao antigo goberno amigo”, sinala Canal.
¿Ilegalidade oculta?
Pero a sorpresa do pleno chegou máis tarde cando o nacionalista Carlos Pazos, concelleiro de Medio Ambiente, descubriu, despois de máis dun mes, a existencia dun informe solicitado polo Grupo Popular, que permanecía oculto dende a súa redacción, o 5 de marzo. Despois de entregárlle-lo informe en cuestión, o PP puido comprobar “que o contido do mesmo informa sobre a ilegalidade das obras de canalización de auga executadas en Cotarel (Rande)”, asegura o concelleiro popular Alberto Pazos. Neste senso, o alcalde, Xaime Rey, non tivo máis opción que asumir a responsabilidade da ocultación do informe que determina literalmente que as obras non se atopan legalmente amparadas e debe requirirse á concesionaria para a súa paralización.