21 abril 2009

MOS : el 9 de mayo, el pabellón "Oscar Pereiro" acoge los campeonatos gallegos de full-contact

Mos acolle o Campeonato Galego de Full Contact
Organízao o Clube Ximnasio Simón en colaboración co Concello de Mos, a través da Federación Galega

MOS (MORRAZO-tribuna) .- Esta mañán presentouse en rolda de prensa o Campeonato Galego de Full Contact Amateur, que este ano se celebrará no mosense Pavillón Oscar Pereiro. No acto, que se realizou na sala de xuntas do Concello de Mos, estiveron presentes a Alcaldesa, Nidia Arévalo, Manuel Planas, presidente da Federación Galega de Full Contact, o concelleiro de Deportes, Alberto Méndez e Simón González, principal organizador do campeonato e 13 veces campeón do mundo deste deporte máis coñecido coma Kickboxing.

O acontecemento terá lugar o vindeiro 9 de maio no xa mencionado pavillón. As fases eliminatorias disputaranse entre as 12.00 e as 14.00 horas, e as finais celebraranse durante a gran velada que dará comenzo ás 21.30 horas e incluirá exhibicións de Capoeira e Danza do Ventre.
Durante a rolda de presentación, Alcaldesa e concelleiro agradeceron tanto a Simón González Salgado coma ó presidente da Federación Galega de Kickboxing, Manuel Planas, o feito de teres escollido a Mos como enclave para levar a cabo a celebración de tan relevante acontecemento deportivo. E é que o día 9 de maio participarán neste Campeonato Galego de aficionados un total de 22 clubes que suporán preto de 50 competidores. O público presente no Pavillón Oscar Pereiro poderá presenciar uns 30 combates.

Segundo explicou o presidente da Federación esta mañán “tódalas finais están aseguradas, non haberá ningunha vacante, e o éxito do espectáculo está garantido xa que o 70% dos deportistas participantes son da provincia de Pontevedra”. Planas asegura tamén que “o campeonato deste ano vai ser moito mellor que o do ano pasado, xa que en cada edición imos progresando”. “Incluso estamos intentando que poidan participar 6 mulleres organizando un apartado feminino na competición, xa que cada vez son máis as interesadas no Full Contact”, engadiu o presidente da Federación Galega, quen ademais asegurou que “a espectacularidade dos combates estará garantida nas eliminatorias masculinas de 71 e 75 Kg, onde haberá moita rivalidade demostrando a boa saúde da que goza este deporte”.

Pola súa banda, o 13 veces campeón do mundo de Kickboxing e principal organizador do Campeonato Galego Amateur, Simón González, declarou en rolda de prensa estarlle “moi agradecido ó Concello de Mos, en especial á súa Alcaldesa, Nidia Arévalo, e ó concelleiro de Deportes, Alberto Méndez, por permitirnos desenvolver aquí esta competición; e pola súa colaboración nos labores de organización”. González Salgado espera que no futuro se sigan a celebrar en Mos os campeonatos galegos deste deporte que describe como “moi completo e satisfactorio, aínda que duro, pero que reporta autoconfianza e seguridade nun mesmo ó tempo que reforza a persoalidade”. Para Simón “o máis bonito dos campeonatos galegos de aficionados é ir comprobando como os deportistas van mellorando ano tras ano”.