Gándara contará cun sistema de abastecemento no que se investirán máis de 100.000 euros
A Alcaldesa visitou esta mañán as obras que están a ser acometidas e rematarán a finais de abril
MOS (MORRAZO-tribuna) .- A Alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou hoxe xunto co concelleiro de Limpeza, Alberto Méndez, e técnicos municipais a obra de abastecemento de augas que se esta a acometer na Gándara, parroquia de Dornelas. A acometida da rede de abastecemento nesta zona divídese en dúas fases: ‘Gándara 1’ e ‘Gándara 2’, ambas prácticamente finalizadas. O orzamento total investido nesta obra ascende a 114.631,65 euros, dos cales 61.506,24 euros corresponden á fase ‘Gándara 1’ e os restantes 53.125,41 á ‘Gándara 2’.
A rexedora municipal declarou durante a súa visita matinal que “esta obra era de vital importancia para as zonas de Torroso e Dornelas e agora é xa unha realidade que estará rematada a finais do mes de abril”. Arévalo asegurou ademais que “espero que antes de que finalice o verán tódalas zonas urbanas da nosa localidade estean dotadas de sistema de abastecemento de auga potable”. E é que o goberno local mosense ten coma prioridade da súa xestión política dotar de saneamento e abastecemento a tódolos lugares do Concello xa que, segundo informou a Alcaldesa, “son os servicios máis demandados polos veciños e foron promesas electorais do noso partido en campaña, e que agora estamos a cumprir”.