20 septiembre 2008

O senador Pérez Bouza pédelle ao ministro Soria que o avellentamento e a dispersión da poboación sexan tidas en conta no financiamento sanitario

MADRID (MORRAZO-tribuna).- O senador do BNG, Xosé Manuel Pérez Bouza, pediulle ao ministro de Sanidade e Consumo, Bernat Soria, que “dende o Ministerio se recoñeza que o avellentamento e a dispersión da poboación incrementan notabelmente o gasto sanitario e, polo tanto, deben ser tidas en conta na reforma do financiamento das Comunidades Autónomas”.
O ministro compareceu na Comisión de Sanidade e Consumo do Senado, onde o representante do BNG aproveitou para formularlle unha pregunta sobre os criterios que utilizará o Goberno para o financiamento sanitario das Comunidades Autónomas.
Pérez Bouza lembrou que “en Galiza temos unha das poboacións máis avellentadas e dispersas de todo o Estado, o que implica servizos sanitarios máis custosos”.
Neste sentido, o senador nacionalista defendeu a necesidades de que “estes dous criterios teñan máis peso no financiamento sanitario, e incluso establecer un índice corrector para beneficiar aos territorios cunha maior porcentaxe de poboación maior de 75 anos”.
Pola súa parte, o Ministro de Sanidade lembrou que “o financiamento ás Comunidades Autónomas non é finalista”, pero concordou en que “eses son dous criterios que si inciden directamente no incremento do gasto sanitario” polo que se comprometeu a trasladarllos ao Consello de Política Fiscal e Financeira para que os teña en conta no debate sobre a reforma do Financiamento Autonómico.