20 septiembre 2008

Mentres o alcalde cala, o BNG de Salvaterra
alza a súa voz contra o Plan "Vigo Íntegra"

SALVATERRA DO MIÑO (MORRAZO-tribuna).- O BNG tilda ao Alcalde Arturo Grandal e ao seu equipo de goberno de irresponsables e oscurantistas ao non dar a coñecer aos veciños e veciñas da existencia no concello de Salvaterra do Plan Vigo Íntegra, que afecta a Salvaterra e que tivo entrada no Concello de Salvaterra o 12 de xuño. Mentras noutros concellos da Área Metropolitata daban a coñecer o proxecto aos veciños e veciñas e o levaron a Pleno para presentar alegacións conxuntas cos grupos políticos, Arturo Grandal non fixo nada ao respeto, aseguran os nacionalistas.
Examinada a memoria do Plan Vigo Íntegra, os nacionalistas, comproban que "presenta unha serie de incorreccións, defectos e carencias na súa redacción con respeto aos proxectos que afectan a nosa localidade de Salvaterra".
Os nacionalistas advirten que a utilización dunha cartografía non actualizada, a falta de consenso cos diferentes grupos e asociacións do concello e a falta de coñecemento da xeografía provocan que a Consellería de Política Territorial presentara propostas moi agresivas co medio ambiente e cultural, ademais de supoñer, nalgún caso un enorme custo social e económico.
En relación aos proxectos relativos acceso PLISAN-A52 enlace Puzo, autovía PLISAN-PO510 e conexión A-52 (Puzo-Salvaterra) coa N-120 Ponteareas, o BNG bota en falla e considera necesario: un novo estudo co fin de valorar e intentar eliminar o impacto sobre o patrimonio cultural e material, especialmente sobre as vivendas, o Pazo da Quinta, Castro de San Amaro e Pazo de Petán.
"Tamén é necesario realizar un estudo de impacto ambiental sobre as marxes do río Uma , Mendo ou Lobeiras co fin de protexer ditos espazos, cun alto valor ecolóxico e botamos en falla unha análise da rede de camiños tradicionais que se poidan ver afectados pola construción deste viario", sinalan os nacionalistas.
Segundo o BNG aos proxectos de mellora da seguridade e dos enlaces na PO-510 Salvaterra-Porriño e nova ponte internacional sobre o Miño para unir PLSAN con Portugal non deixan de ser unha mera intención pois non se definen as obras necesarias e tampouco se concretan na cartografía.
Os nacionalistas esperan que a Conselleira de Política Territorial atenda as alegacións presentadas polo BNG de Salvaterra e retire o Plan Vigo Íntegra a espera duns estudios serios e rigurosos para redactar un novo Plan.