20 septiembre 2008

Constituido o xurado
do Premio Valle Inclán 2008


PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O Pazo Provincial acolleu a xuntanza de constitución e a primeira reunión do xurado cualificador do Premio Valle-Inclán para o presente ano 2008 que se corresponde coa quinta edición da certame organizada en colaboración entre o Concello de Vilanova de Arousa e a Deputación.
O xurado, presidido por Rafael Louzán, ten como vogais ó vicepresidente provincial, José Juan Durán, ó alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, a Xosé María García Palmeiro, representante do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz, vicepresidente da Fundación Penzol, Carlos Arias Iglesias, representante da Consellería de Cultura e Deporte, Antonio Ponte Far, representante da Fundación Valle Inclán, o xornalista arousán Benito Leiro e, como secretario, Antonio Santos, xefe do Servizo de Cultura da Deputación de Pontevedra.
O premio Valle-Inclán, que verá cumprida este ano a súa quinta edición, está dotado con 24.000 euros dos cales, 6.000 serán achegados polo Concello de Vilanova e os 18.000 euros restantes pola institución provincial.
A certame foi instituída en 2004 co obxecto de difundir e promover a vida e obra do autor de “Luces de Bohemia” e para profundar, a través de estudios rigorosos e de prestixio académico, na súa vida e obra. O gañador da primeira edición foi o traballo “Valle-Inclán en el fin de siglo. Estudio crítico de femeninas”, de Joaquín Núñez Sabarís. En 2005, o galardón recaeu en Euloxio Rodríguez Ruibal co traballo titulado “Valle Inclán e o teatro galego”. No 2006 gañaron, ex-aequo, o profesor da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Anxo Abuín González e a investigadora francesa Eliane Lavaud-Fage. O primeiro, co traballo “La palabra en los ojos o el alfabeto en movimiento: una aproximación a la dramaturgia de Valle-Inclán deste la estética del silencio” e a segunda, co estudo “Valle-Inclán ¿un sistema literario?”. O pasado ano 2007, o premio declarouse deserto.
O xurado poderá decidir deixar o premio deserto ou ben conceder os accésits que considere dentro da partida de 24.000 euros que está asignada para o estudo premiado. Pero o gañador do Premio Valle-Inclán recibirá ademais un diploma e unha copia da acta da reunión do xurado e durante o prazo dun ano, a Deputación promoverá a publicación do traballo premiado.