VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- En relación coas declaracións verquidas hoxe polo secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza quere rexeitar absolutamente estas imputacións calumniosas, xa que non se axustan á verdade.
A Consellería de Presidencia está a realizar obras de ampliación para dotarse dun área de traballo que permita que as funcións do Consello e dos seus órganos de apoio se realicen coa debida eficacia e en condicións axustadas aos novos requirimentos tecnolóxicos.
A Consellería de Presidencia está a realizar obras de ampliación para dotarse dun área de traballo que permita que as funcións do Consello e dos seus órganos de apoio se realicen coa debida eficacia e en condicións axustadas aos novos requirimentos tecnolóxicos.
A tal efecto, estase a ampliar a superficie construída no Complexo Administrativo de San Caetano en 490 metros cadrados. Tamén se está dotando os novos espazos de servizos de voz e datos, que permitan a utilización de distintos soportes de información e a análise de documentos en diferentes presentacións, tanto para as necesidades do conxunto do Goberno, como para a Comisión de Secretarios. Tamén se pretenden mellorar as funcionalidades propias dunha sala de prensa e un mínimo aparato administrativo de apoio. Cómpre lembrar que a actual sala de reunións do Consello da Xunta ten unha soa liña de teléfono e carece do máis mínimo equipamento informático. Observáronse tamén múltiples carencias na sala de prensa, tanto de espazo como de funcionalidade.
A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza quere deixar patente ademais que son manifestamente falsos os datos sobre mobiliario do que van dotarse esas salas. As obras de construción e equipamento inmobiliario foron adxudicadas á empresa Ferrovial, que formulou a súa proposta no seu proxecto inicial. Posteriormente, a dirección facultativa desenvolveu esa proposta -propoñendo calidades e acabados determinados-, se ben esta non ten sido aceptada formalmente pola Xunta de Galicia, e en ningún caso será de luxo senón estritamente funcional.
É falso, por conseguinte, que exista unha decisión adoptada sobre determinado mobiliario, entre outras razóns, porque aínda non está rematada a obra civil, é consecuentemente non se pechou a adquisición de mobiliario.
Sinalar por último, que o motivo polo que as obras aínda non finalizaron é que se atoparon dificultades técnicas na súa realización, que as teñen demorado.
A Consellería de Presidencia entende que a información difundida hoxe polo Partido Popular enmárcase na campaña de calumnias e terxiversacións iniciada hai meses e agudiza pola proximidade das eleccións. Só así se explica que o PP traia a colación unhas obras proxectadas no 2007, postas en marcha con absoluta normalidade e que nunca se ocultaron a ninguén.