19 septiembre 2008

A Consellaría de Vivenda inclue
a Ponteareas no Plano Sectorial


PONTEAREAS (MORRAZO-tribuna) .- O concelleiro e membro da Executiva Nacional do BNG, Roberto Mera, considerou “unha gran noticia para Ponteareas” a decisión da Consellaría de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, de impulsar a construcción de vivenda protexida na localidade, a través do novo Plano Sectorial de Vivenda.
Como Secretario de Política Municipal do BNG, Mera mantivo nesta semana un encontro coa Conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, coa que analizou a importancia e o impacto positivo que para un importante número de concellos galegos vai ter a aprobación e execución do Plan Sectorial de Vivenda que permitirá á Xunta crear nos vindeiros 10 anos 45.000 vivendas protexidas. Mera lembrou que “até agora a incapacidade de moitos concellos, como o de Ponteareas, para aprobar un PXOM e para ceder terreos á Xunta para construír vivenda protexida estivo prexudicando a miles de cidadáns que demandan unha vivenda desas características. Agora, cun Plano Sectorial pioneiro no Estado español, o nacionalismo desde a Xunta crea un instrumento que permite ao goberno galego actuar directamente para impulsar a construcción de miles de vivendas protexidas superando os atrancos existentes en moitos concellos”.
O dirixente nacionalista suliñou que “Ponteareas é un dos concellos escollidos pola Consellaría para dar resposta a eses 500 veciños e veciñas da nosa localidade que se inscribiron no rexistro oficial de demandantes de vivenda protexida” creado polo departamento que dirixe Teresa Táboas. Mera lembrou que “en 2006 a Conselleira ofreceu a Solla a posibilidade de facer vivenda protexida en Ponteareas unha vez que o concello cedese os terreos. Pasaron tres anos e o goberno municipal do PP foi incapaz de cumprir co seu compromiso. Agora, grazas ao Plano Sectorial de Vivenda, os veciños e veciñas de Ponteareas poderán contar con vivenda protexida sen depender dun goberno municipal que non é capaz de aprobar o PXOM e de dispoñer de terreos para ese fin”.
O dirixente nacionalista explicou que “a fórmula que se vai utilizar para construír vivenda protexida en Ponteareas é moi semellante á empregada para o parque empresarial, que tamén estaba bloqueado pola parálise do PXOM e que levou á Consellaría de Vivenda a tomar a decisión de declaralo de interese supramunicipal, actuando directamente sen depender do concello nin do PXOM”. En conclusión, engade Mera, “o nacionalismo desde a Xunta dá solucións para facer realidade retos tan importantes como o parque empresarial ou a vivenda protexida a través de fórmulas que permiten á Xunta actuar directamente sen depender dun goberno municipal do PP que é un problema e un atranco para o desenvolvemento de Ponteareas”.