PONTEAREAS (MORRAZO-tribuna).- O BNG asesora aos colectivos sociais para presentar alegacións ao Plan Vigo Íntegra, e deu onte luns a coñecer aos colectivos sociais de Ponteareas a posición dos nacionalistas perante o Plan Vigo Íntegra que contempla as previsións de infraestructuras viarias na localidade.O portavoz do BNG, Bolívar González, amosouse satisfeito trala reunión, tanto pola ampla asistencia de representantes da maioría das 14 parroquias afectadas como polo feito de que “novamente é o BNG a forza política que de maneira seria e responsábel informa aos colectivos socias afectados polo Plan Vigo Integra de cales son os pormenores de dito plan”. Na reunións todos os colectivos amosáronse desconcertados e sorprendidos “pois descoñecían o Plan Vigo Íntegra e as graves consecuencias que pode ter para moitas desas parroquias”, engade Bolívar González.
Os nacionalistas informaron que consideran “moi positivo que a Xunta decida dunha vez facer unha planificación das infraestructuras viarias de Vigo e a súa área de influenza, pero amosáronse en desacordo con que dito plan recolla as mesmas aberracións e os graves erros que se contemplaban no borrador do PXOM, hoxe xa totalmente superado e que foran rexeitadas por todos os veciños/as afectados.”
Os representantes de Fontenla, Angoares e Arcos amosáronse moi preocupados polo vial que comunicaría a A-52 desde Moreira até a N-120 en Arcos, que, segundo Bolívar González, “non é racional, nin soluciona o problema de desviar o tráfico do centro da vila e que ademais supón un impacto e unha grave destrucción das parroquias de Angoares e Fontenla”.
Os nacionalistas informaron tamén que no plan Vigo Íntegra non se contemplan os viais de enlace da A-52 cos futuros polígonos industriais Val do Tea e Puzo, polígonos industriais que se atopan en tramitación, nin a conexión do parque empresarial Val do Tea coa N-120, nin a da zona industrial da Lomba e a A-57 e tamén informan do desdobramento da A-52 o seu paso polo noso concello, viais que producirán un grande impacto e afección nas parroquias de San Mateo, Moreira, Cristiñade, Areas, Arnoso e Xinzo.
O BNG presentará alegacións a este plan solicitando a súa retirada. Ademais, os nacinalistas animaron aos veciños e veciñas de Ponteareas a facer o mesmo”.