PESCA REUNIRASE CON REPRESENTANTES DO SECTOR PARA ANALIZAR A SITUACIÓN DA ACTIVIDADE PESQUEIRA NO QUE VAI DE 2009
COMPOSTELA / MORRAZO (MORRAZO-tribuna) .- O director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, José Manuel López Rodríguez, e o director xeral de Recursos Mariños, Antonio García Elorriaga, manterán a vindeira semana en San Caetano un encontro co sector pesqueiro galego para analizar e avaliar a situación actual da explotación das pesquerías, que afectan ás embarcacións adscritas ao censo de artes menores.
Con este encontro búscase coñecer da man dos propios profesionais do mar a situación da actividade pesqueira no que levamos de campaña este ano e o estado das pesquerías, así como a evolución dos prezos dos recursos. O obxectivo é interesarse e coñecer de preto o momento polo que atravesa o sector, de cara a avaliar a necesidade de artellar ou poñer en marcha medidas que poidan axudar a melloralo.
Á reunión están convocados os responsables das federacións galega e provinciais de confrarías de pescadores (A Coruña, Pontevedra e Lugo), así como representantes das organizacións do sector como Asoar-Armega, Cíes Artesanais, Mar do Morrazo, Arcopeba, Areal e Agamar.
Este encontro enmárcase nos contactos que vén mantendo a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos cos traballadores do mar, para escoitar as súas problemáticas e coñecer as súas necesidades, como parte dunha política baseada en dous alicerces, o compromiso e o diálogo.