VIÉITEZ: “AS OUTRAS FORZAS POLÍTICAS SÓ FALAN DAS NOSAS INICIATIVAS PORQUE O BNG FOI O SOPORTE DO GOBERNO GALEGO”
Carme Adán subliñou que o BNG ten un proxecto de país, que inclúe propostas en sanidade, educación, fiscalidade e ordenación do territorio
Carme Adán subliñou que o BNG ten un proxecto de país, que inclúe propostas en sanidade, educación, fiscalidade e ordenación do territorio
VIGO (MORRAZO-tribuna). O número dous do BNG pola provincia de Pontevedra, Henrique Viéitez subliñou hoxe que boa proba da relevancia das iniciativas desenvolvidas polo BNG nestes tres anos e medio de goberno na Xunta de Galiza é que “as outras forzas só falan delas porque o BNG foi o soporte do goberno galego”. O candidato nacionalista así o asegurou esa tarde nun mitin na parroquia viguesa de Teis, no que tamén participaron a candidata Carme Adán, ex secretaria xeral de Igualdade, e o tenente de alcalde, Santi Domínguez.
Segundo Henrique Viétez, o BNG ten levado a cabo un “ambicioso proxecto político” que contrasta cos 16 anos de goberno do PP en Galiza, “que levaron a este país a ruína”. Asemade, o candidato nacionalista alertou contra as constantes manifestacións dos dirixentes populares nas que anuncian que se chegan ao goberno galego o vindeiro 1 de marzo “derogarán o decreto do galego, o concurso eólico e suprimirán as galescolas”. Para Viéitez, estas decisións suporían un “auténtico desmantelamento dos avances sociais levados a cabo polo Bloque Nacionalista Galego desde a Xunta”.
De cara ao futuro, Henrique Viéitez salientou que é preciso “seguir apostando polo sector produtivo do noso país, tal e como xa fixeron as consellerías nacionalistas nestes tres anos e medio, fronte a economía de casino que propugna o Partido Popular”. Neste sentido, criticou o contrato-anuncio de Núñez Feijoo, xa que considera que ten o mesmo valor que o contrato expresado por Corina Porro, que aseguraba que dende a alcaldía de Vigo eliminaría o imposto do lixo ou demitiría, “pero nen eliminou este imposto, nin demitíu, o cal demostra a credibilidade do Partido Popular”.
“Temos que cambiar o modelo económico, porque non se pode consentir que as crises económicas as paguen sempre os mesmos”, sinalou. Asemade, defendeu a necesidade de garantir “o poder adquisitivo da cidadanía”, polo que non só criticou o modelo propugnado polo PP senón tamén as declaracións do gobernador do Banco de España, “posto polo PSOE”.
Henrique Viéitez fixo un chamamento á participación masiva, “para seguir transformando Galiza e porque non podemos dar todo por feito”, senón que “queremos máis representatividade para ter máis capacidade para decidir e máis tempo para profundizar nas transformacións xa iniciadas”. Neste mesmo sentido se expresou a candidata número tres do BNG por Pontevedra, Carme Adán, quen sinalou que a lexislatura que remata “foi un inicio, pero queremos máis porque queremos profundizar nos cambios coa forza de todos os galegos e as galegas”.
Carme Adán salientou que desde o goberno galego “se traballou para aproveitar todos os recursos galegos”. Así, destacou as iniciativas desenvolvidas dende a Consellería de Industria, nomeadamente co concurso eólico; a consellería de Vivenda, dende a que se desenvolveron políticas progresistas pioneiras non só en Galiza, senón en todo o Estado; a consellería de Medio Rural, dende a que se asumíu a necesidade de vertebrar o territorio e se impulsou o Banco de Terras e a cotitularidade das explotacións agrarias “demostrando que o traballo a prol da igualdade é para o BNG unha cuestión transversal”.
Tamén salientou o traballo desenvolvido dende a Consellería de Cultura, “porque asumimos a importancia da cultura galega e a implicación de todos os colectivos implicados” e a Vicepresidencia da Xunta, dende a que, ao seu xuízo “se fixo un gran esforzo para transformar a igualdade e o benestar deste país”. Neste sentido lembrou que a creación do Consorcio Galego da Igualdade e o Benestar supuxo a posta en marcha de 196 novos equipamentos e a creación de galescolas en todo o país.
Mais a candidata nacionalista subliñou que o BNG conta cun proxecto para todo o país e para todas as áreas de goberno. Ao respecto mencionou os ámbitos da sanidade, a fiscalidade e a ordenación do territorio, facendo especial fincapé na educación. “Temos na nosa cabeza un sistema educativo propio, e defendemos unha educación pública, de calidade e en galego”, destacou.