QUINTANA ACUSA A FEIJÓO DE PREFERIR “O SERMÓN DA MONTAÑA OU A DIFAMACIÓN ANTES QUE O DEBATE DEMOCRÁTICO” E POR ISO “VAI DE REPUNANTE INVENTANDO EXCUSAS”
Teresa Táboas pon en valor o labor do BNG na xestión do parque empresarial de Tomiño
TOMIÑO (MORRAZO-tribuna).- O candidato nacionalista á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, participou esta tarde nun mitin no pavillón polideportivo de Goián, en Tomiño, no que interviron tamén a alcaldesa, Sandra González, Xosé Manuel Méndez, candidato número 10 por Pontevedra e Teresa Táboas, a cabeza de lista por Pontevedra.
O número un do BNG dixo que “non nos cremos mellor ou peor ca ninguén, pero si iguais. O nacionalismo non é só un proxecto para defender a identidade, é sobre todo para defender benestar para os cidadáns. Por iso, a obra máis preciosa que puido facer foi construír o Sistema Galego de Benestar”.
De aí a iniciativa nacionalista de crear un complemento autonómico das pensións porque “en Galiza tiñamos as pensións máis baixas do estado e nós tiñamos que facer algo e por iso fixemos un complemento autonómico para as pensións máis baixas. Ao principio todos estaban en desacordo, pero hoxe é unha realidade”.
Para iso, o nacionalismo é, tal e como indicou Quintana, a única opción posíbel, xa que só o BNG ten propostas como un ICO galego “para apoiar ás empresas e ás familias e combater a crise económica ou o complemento do paro” e, mentres o nacionalismo propón isto, “ao PP o único que se lle ocorre é promover o despido libre”.
O cartel do Bloque criticou a actitude do líder popular e acusouno de “preferir o sermón da montaña ou a difamación e a mentira antes que o debate democrático, e por iso anda de repunante inventando excusas para non debater co BNG”. “Con estas propostas, é normal que non queira debater, como vai debater co BNG?”, concluíu.
“O PP alíase cos poderosos”
Anxo Quintana criticou a política levada adiante polos populares e acusounos de “aliarse cos poderosos para intentar romper a moral do cambio que implantou o BNG no goberno e procurar que a xente non vaia votar”.
Contra esta estratexia, o líder nacionalista fixo un chamamento ao voto e animou a todos os asistentes a acudir ás urnas o día 1 de marzo para votar polo nacionalismo galego para “seguir avanzando nos cambios transformadores iniciados no goberno galego nestes tres anos e medio”.
Por iso subliñou que o BNG reclamará “na primeira reunión da Comisión de Seguimento de infraestruturas que o presidente Zapatero presente un plan de infraestruturas para que nos diga cando demo vai chegar o AVE. Quero ir a Madrid a reclamar xustiza para Galiza e é asi como se consegue colocar a Galiza no mapa político do Estado”.
“Nese mapa político quer estar Galiza como país e como nación. O PP colocounos como zona catastrófica ése é o mapa que eles coñecen”, dixo contrapoñendo ese modelo ao da “Galiza orgullosa de si mesma e aberta ao mundo”.
“Levo toda a vida contestando esa idea de galegos como xente pasiva, que se se lles ves nunca sabes se subimos ou baixamos. Os que non o saben son eles”, increpou, “nós sabemos ben a onde imos. Porque nós non somos xente pasiva. Como se pode dicir iso dun pobo que ten demostrado o maior dos sacrificios persoais para seguir adiante? Quen veu axudarnos cando a xente non tiña posibilidade dunha vida digna? Collían a maleta e saían polo mundo adiante a buscar a vida fóra”, concluíu.
Iso foi o que fixemos, utilizar o autogoberno para o benestar e para que a Galiza se lle teña en conta. Estamos fartos de escoitar discursos sobre cando van chegar as infraestruturas a Galiza. Eu non teño que desconfiar de ninguén. Desconfiados non, pero parvos tampouco”, ironizou”, “e por iso pelexamos por unha comisión de seguimento en Madrid que “poña branco sobre negro cando van chegar as infraestruturas a Galiza”.
“Ésa é a Galiza que queremos para todos e todas, non unha Galiza escura, sen debate. Por iso pídolles o voto masivo”, dixo.
“Ao PP a xente dálle noxo, só a queren para votar”
Tal e como dixo o candidato, ao PP “a xente dálle noxo, só a queren para votar” e contrapuxo a esta actitude a do BNG, que quer “un goberno para a xente. Non podemos volver atrás. Colocamos as primeiras pedras e agora hai que rematar a obra”.
“Estamos acostumados a loitar contra os elementos, pero dar un paso atrás, nin para coller impulso”, dixo, ao tempo que explicou que “os do Bloque non sabemos calar. Sempre temos algo que dicir e éstes tempos tan difíceis precisan de xente que non cale”.
“Agora é o tempo que xente que enfrente os problemas con valentía, con firmeza. Vanvos dicir que non merece a pena, que non vaiades votar, que non exerzades o voso dereito. A única posibilidade do PP de gañar é que quededes na casa, que non vaiades votar”, advertíu.
Teresa Táboas
A cabeza de lista do BNG por Pontevedra e conselleira de Vivenda destacou “o labor do nacionalismo desde o goberno para aumentar a cantidade de solo empresarial”. “Fixemos máis metros cadrados de solo en tres anos e medio ca o PP en 16”, explicou. “Aquí, en Tomiño, teremos case medio millón de metros cadrados no parque empresarial, que comezamos a urbanizar no próximo mes”, dixo.
Táboas destacou que “desde o goberno galego, apostamos por promover a economía produtiva, por xerar solo para que se poidan instalar novas empresas e así crear máis emprego”. “Non sairemos da crise coas vellas receitas da dereita”, asegurou.
“Fronte á economía especulativa, o BNG aposta polos sectores produtivos”, dixo, “e desde logo non permitiremos que se pretenda saír da crise a costa dos traballadores, a costa de facilitar aínda máis o despido ou baixar aínda máis os salarios”, concluíu.