13 octubre 2009

La Xunta tranquilizará a la FEGAMP

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta de Galicia manterá en 2010 a contía do Fondo de Cooperación Local que reciben os concellos, a través da habilitación dun Fondo Extraordinario de Garantía que será alomenos de 20 millóns de euros.

O conselleiro mantivo hoxe unha reunión co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Carlos Fernández, e cos portavoces do organismo, aos que avanzou que a Xunta habilitará este fondo extraordinario o vindeiro ano para paliar os efectos negativos que provocaría nas facendas locais a diminución das transferencias que reciben como resultado da súa participación nos ingresos do Estado e da Xunta.

Rueda recordou que, si se aplicasen os criterios do Fondo de Cooperación Local -pactado pola Fegamp e o anterior Goberno para o período 2005-2009-, e debido á perda de ingresos derivada da crise económica, os concellos galegos percibirían o vindeiro ano 18 millóns de euros menos do fondo respecto ao presente ano.

A todo iso súmase o feito de que os concellos verán reducida un ano máis as contías que perciben pola participación dos ingresos do Estado, que no caso dos municipios galegos baixou de 481 millóns de euros en 2008 a 460 millóns no presente exercicio e a 421 millóns de euros o vindeiro 2010, o que supón 40 millóns de euros menos.

Principio de acordo
O conselleiro de Presidencia explicou que, ante esta situación, a Xunta decidiu realizar un “importante esforzo” económico para completar o Fondo de Cooperación Local cun fondo extraordinario que alivie a difícil situación das arcas dos municipios galegos e lles permita seguir prestando servizos aos cidadáns coas máximas garantías.

Pola súa banda, o presidente da Fegamp valorou “de forma moi positiva” a iniciativa do Goberno galego e o esforzo que vai realizar nun momento de especiais dificultades económicas. “Cremos que é posible chegar a un acordo”, indicou Carlos Fernández, que explicou que as diferencias coa proposta da Xunta son “pequenas” e reiterou que valora o fondo extraordinario “porque a perspectiva na que nos moviamos era de baixada importante”.

Finalmente, Alfonso Rueda destacou que o principio de acordo acadado hoxe entre Xunta e Fegamp é unha mostra máis da cooperación que manteñen e “un bo exemplo de que se debe colaborar entre Administracións”.

Nesa liña de entendemento, Xunta e Fegamp tamén decidiron negociar o ano que vén o novo Fondo de Cooperación Local para os vindeiros catro anos, unha vez resolto xa que no 2010, por ser un ano de especiais dificultades económicas, a Xunta habilitará un fondo extraordinario para contribuír a mellorar a situación orzamentaria dos concellos galegos.