14 octubre 2009

Lobeira "declara la guerra" al Panga de Pescanova...

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O portavoz de Pesca do BNG no Parlamento Galego, Bieito Lobeira, denuncia que a multinacional Pescanova está a introducir e comercalizar panga no mercado galego. Neste sentido, esíxelle ao Goberno do PP que informe se a macroplanta de produción de panga que a multinacional vai construir en Mozambique vai recibir axudas públicas da Xunta de Galiza.

Bieito Lobeira advirte de que esta planta, que prevé acadar un ritmo de produción non inferior ás 10.000 toneladas de panga ao ano terá como destino para o seu consumo o mercado europeo, e polo tanto o galego.

O deputado nacionalista denuncia que “na actualidade, e como é coñecido, PESCANOVA xa está a comercializar na actualidade no mercado galego filetes de panga conxelados”.

A pesar disto, a multinacional pesqueira “recibiu do Goberno do PP na Xunta entre os anos 2000 e 2005 máis de 42 millóns de euros de axudas públicas, en boa medida para a internacionalización da súa actividade”.

“Os propios deputados do PP denuncian que ao panga inxéctaselle ouriños de mulleres embarazadas”


Sen embargo, o deputado do BNG denuncia que “estas importacións de panga teñen un impacto moi negativo no sector pesqueiro galego en termos de competencia, desprazando á pesca galega”.

Ademais, advirte dos riscos sanitarios que conleva o panga para os consumidores. Así, subliña que “o propio Partido Popular, en iniciativas rexistradas no Parlamento de Galiza, ten afirmado , literalmente que ao panga se lle administra ouriño de mulleres embarazas (sic), ou que chegan ao mercado galego lotes de peixe panga con listeria, salmonea, cóleara, entero-bacilos, metais pesados e nitrofuranos”.

Ante esta situación, Bieito Lobeira pregúntalle ao Goberno de Feijóo se a planta que PESCANOVA constrúe en Mozambique para producir panga con destino aos mercados europeo e galego vai contar con apoio do actual Goberno galego.

Ademais, pregunta se a Consellaría do Mar, tal e como defende o PP, ten previsto prohibir a importación de panga.

Por último, o deputado do BNG demándalle á Xunta se ten avaliado o impacto sobre o sector pesqueiro galego que ten a importación de panga e a súa comercialización no noso mercado”.