13 octubre 2009

Se mueve por fin el proyecto Ibermovilitas...

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O comité técnico de xestión e coordinación do proxecto Ibermovilitas –destinado a fomentar a mobilidade no emprego transfronteirizo entre España e Portugal- reunirase o próximo venres en Lisboa, na que será a súa primeira xuntanza no país veciño. A este encontro asistirá, en representación da Consellería de Traballo e Benestar, a directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz López.

Nesta reunión, abordarase unha revisión do nivel de execución alcanzado nas actividades previstas para o primeiro semestre, problemas detectados neste eido e busca de solucións.

O departamento autonómico é o xefe de filas deste proxecto, que se inscribe dentro da convocatoria de Cooperación Transfronteiriza 2007-2013, financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Neste programa tamén participan as consellerías das comunidades autónomas de Andalucía, Castela e León e Estremadura, xunto co Instituto do Emprego e Formaçao Professional de Portugal.

O obxectivo deste programa –que ten unha duración de dous anos e no que se investirá un total de 2,3 millóns de euros- é mellorar as capacidades dos traballadores de España e Portugal e fomentar a súa mobilidade a ambos lados da fronteira, grazas a unha oferta formativa e práctica baseada nas necesidades dos mercados laborais e en políticas activas de emprego que contribúan a paliar as barreiras existentes á mobilidades.

Este proxecto beneficiará a preto de 200 persoas desempregadas e executaranse máis de 5.000 horas de formación teórica tanto presencial como en liña.

En concreto, baixo Ibermovilitas desenvolveranse catro estudos de detección de necesidades laborais en ambos os países, para identificar os sectores de actividades e postos de traballo de difícil ocupación e que poidan ser susceptibles de ser ocupados por traballadores transfronteirizos. En base a estes resultados, elaborarase a oferta formativa nas distintas comunidades españolas e no país portugués, baseada na demanda real.

Así, Ibermovilitas porá en marcha unha oferta formativa a través de 12 cursos presenciais en ambos países, que contarán tamén con formación en liña común. Esta formación versará sobre a creación de empresas, orientación laboral, igualdade de oportunidades, sensibilización ambiental e normas, usos, costumes e formación no idioma do país veciño.

Ademais, crearase, ao abeiro deste programa, crearase un Centro de referencia para a mobilidades transfronteiriza, co obxectivo de que as administracións, institucións e axentes sociais do territorio de intervención do proxecto conten con datos e información actualizada no mercado laboral.

Toda a información sobre Ibermovilitas habilitouse na web www.ibermovilitas.org, na que se recollen estudos, oferta formativa e constitúe un punto de encontro.