13 octubre 2009

Conselleiro Hernández sigue defendiendo el futuro que viene con el Plan Move

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, avanzou esta mañá que o Plan Move (Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica 2010.-2015) contará o vindeiro ano con partidas orzamentarias para cada un dos nove programas que o integran. Sinalou que “nun ano de forte recesión, a Xunta fará o esforzo preciso para dar continuidade a todas as actuacións en marcha e comezar a dotar as novas medidas incluídas no Plan Move, como é o caso do programa de optimización das peaxes”. Ademais, as vías de altas prestacións, as estruturantes, complementaria e as previstas en medios urbanos verán reflexada a súa partida orzamentaria en función do trámite en que se atopen.

Definiu o Move como un “plan ambicioso que compromete datas concretas de posta en servizo das infraestruturas; realista, posto que fai unha reflexión na liña de contemplar os recursos orzamentarios e extraorzamentarios posibles na actual situación de crise; e coordinado co resto de políticas ligadas ao medio ambiente e a sostibilidade”.

Hernández manifestou que o plan constitúe a peza fundamental da planificación da mobilidade do Goberno da Xunta. “O Move non prescinde de todo o traballo feito, pero é algo mais que un plan de estradas posto que trata de abordar e resolver os principais problemas de mobilidade dos galegos” , lembrou.

Tamén adiantou o obxectivo da Xunta de coordinar o Plan Move no marco do pacto polo territorio que o conselleiro ofreceu na súa primeira comparecencia parlamentaria para explicar as liñas básicas da consellería, pacto que volveu a reiterar na súa cita parlamentaria de hoxe.

O titular de Medio Ambiente recordou que o Plan Move está dotado con 4.265 millóns de euros ata 2015, e ten como obxectivo fundamental a mobilidade e a accesibilidade dos galegos aos servizos públicos e ás vías de altas prestacións. Engadiu que o Plan Move é ao mesmo tempo un plan ambiental, que estará dotado con 680 millóns de euros, para permitir que o progreso conviva coa natureza e que deste xeito o desenvolvemento sexa compatible coa sustentabilidade. A execución dos proxectos ata 2015 prevé a mobilización de 70.000 empregos directos.

O conselleiro explicou que o Plan Move responde a un triplo esforzo: técnico, orzamentario e de coordinación e integración. No primeiro dos casos, porque implicou un complexo traballo que foi prioritario para a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas; esforzo orzamentario, polo compromiso de inversión do Goberno galego; e, por último, esforzo de coordinación e integración, xa que inclúe os aspectos positivos da planificación de estradas existentes, ampliando o seu contido e dotación orzamentaria, así como a necesaria coordinación coas administracións locais, especialmente coas deputacións.

Agustín Hernández aclarou que como punto de partida utilizouse o Plan Director de Estradas (PDEG), así como as alegacións que a ese documento presentaron as corporacións locais. Neste senso, o consenso e a coordinación serán dous dos sinais de identidade do Plan Move, un plan no que priman os criterios de racionalidade, calidade, eficiencia, transparencia e diálogo. Segundo o conselleiro, é neste último aspecto no que se inscriben as suxestións sobre a rede estatal en Galicia coa intención de que o Ministerio de Fomento as teñan en conta á hora da revisión da súa planificación.

Sete obxectivos, nove programas
O Plan Move busca acadar sete grandes obxectivos, segundo enumerou o responsable do departamento de infraestruturas da Xunta-. Así, o plan completará a articulación da rede de infraestruturas de transporte de Galicia co exterior e a conexión entre os principais eixos interiores; adecuará o transporte nos medios urbanos, mellorando a accesibilidade dos diferentes ámbitos funcionais do territorio dende unha perspectiva metropolitana; e que o 80% da poboación estará a menos de 10 minutos dunha desas vías.

O cuarto reto desta liña de actuación da Consellería de Medio Ambiente é mellorar a seguridade viaria, reducindo nun 50% o número de vítimas de accidentes de circulación nas estradas galegas no horizonte do ano 2013; o quinto, elevar o investimento en mantemento, xestión e conservación da rede ao 3% do seu valor patrimonial; mentres que o sexto obxectivo centrase en flexibilizar o sistema de peaxes nas autoestradas galegas atendendo a criterios de coherencia, globalidade, progresión e universalidade, para que a peaxe non sexa unha barreira para a mobilidade das persoas en Galicia. Por último, búscase fomentar o emprego de sistemas de transporte alternativos ao vehículo privado, a través da implantación de aparcadoiros disuasorios nos contornos das cidades, así como de itinerarios peonís e ciclistas.

En canto aos programas que configuran o Plan Move, Hernández explicou que se articulan en nove. Os tres primeiros conteñen as actuacións en cada un dos tipos de vías que distingue o plan (Vías de altas prestacións, estruturantes e complementarias); e o cuarto diríxese a actuacións de apoio, onde se contempla a construción de aparcadoiros disuasorios no contorno das grandes cidades e a dotacións de áreas de parada para transportistas nos eixos con maior intensidade de tráfico.

O quinto dos programas detalla as actuacións en medios urbanos; o sexto, dedícase a mantemento e conservación; o sétimo, a seguridade viaria; o oitavo a impulsar a I+D+i e a mellora da integracións paisaxística das estradas; e, por último, un noveno programa vai dirixido á optimización das peaxes nas autoestradas de competencia autonómica.

Duplicar os quilómetros de vías de altas prestacións
Na súa comparecencia, o representante da Xunta salientou o compromiso do Plan de mobilidade de duplicar en cinco anos os quilómetros de vías de altas prestacións, o que permitirá contar cunha rede de estradas máis funcional, con maior seguridade viaria, con mellores prestacións no viario complementario e facendo compatible o desenvolvemento económico coa coidado e protección do medio natural.