13 octubre 2009

Seminario enmarcado no proxecto “Xestión integral da pesqueira do percebe”

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- Representantes das confrarías de pescadores de Baiona, Bueu y A Garda e percebeiros e percebeiras interesados en formar parte dunha empresa que comercialice os subprodutos do percebe reuniranse este martes 13 de outubro na sede do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR en Vigo, nun seminario enmarcado no proxecto “Xestión integral da pesqueira do percebe”, que financia a Consellería do Mar.

Técnicos e responsables das áreas de traballo do proxecto, que é coordinado por expertos do CETMAR, asistirán tamén a esta xornada, que dará comezo ás dez da mañá, e que durante aproximadamente dúas horas servirá para dar a coñecer os resultados deste proxecto. Ademais, presentaranse as condicións e aspectos legais para constituír unha empresa destinada a comercializar os subprodutos do percebe, como é o caso do paté, e á vista dos resultados dos estudos de produción e mercadotecnia levados a cabo no seo desta iniciativa, proporase o custo inicial estimado para formar parte da devandita empresa. Tras o debate, e para pechar o seminario, convocarase aos interesados na constitución da empresa a unha nova reunión.

Liderado polas confrarías de Baiona, Bueu e A Garda, o proxecto “Xestión integral da pesqueira do percebe”, que conta con financiamento da Consellería do Mar, pretende a elaboración dunha proposta integral para a xestión desta pesqueira que inclúe a valorización e introdución no mercado dos subprodutos do percebe. Pósitos e mariscadores pretenden así comercializar percebe en conserva e dous tipos de paté.