13 octubre 2009

Datos triunfales : la Xunta anuncia números muy favorables en el recuento de los incendios forestales 2009

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez, compareceu no Parlamento de Galicia a petición propia para informar aos grupos parlamentarios do desenvolvemento e resultados da campaña contra os incendios forestais no período de maior risco neste ano 2009.

Aínda que, toda vez que para o balance definitivo do ano será necesario agardar ata Noitevella, os datos reflicten que se están a cumprir integramente os obxectivos no seu día presentados no Plan de Defensa contra Incendios Forestais de Galicia (Pladiga 2009).

Superficies ardidas
O primeiro e máis importante, é a superficie ardida por lume, que baixa de tres hectáreas totais de media, seguindo así a tendencia dos anos 2007 e 2008, aínda que nestes casos a climatoloxía foi moito máis chuviosa ca durante este verán de 2009. Tamén se cumpriu o compromiso previo de baixar dunha hectárea de arborado por lume, acadándose unha media de 0’57, un pouco por riba dos dous anos anteriores, pero moi por baixo da media da década.

O número total de lumes forestais rexistrados en Galicia de xaneiro a 30 de setembro de 2009 foi de 3.741, fronte aos 2.294 de xaneiro a setembro de 2008, aos 1.666 de 2007, aos 6.943 no mesmo intervalo en 2006 (cando arderan en total case cen mil hectáreas), ou aos 11.064 de 2005. Respecto da media dos últimos dez anos (7.905), a cifra deste ano non chega á metade.

Canto ás hectáreas queimadas, a media dos últimos dez anos é de 30.137, e este ano a cifra detívose en 10.097 ata o 30 de setembro: é dicir, a terceira parte. En 2008 arderan 6.039, en 2007 un total de 2.925, en 2006 queimáronse 95.877, e en 2005 unha cifra de 52.879 (danse sempre datos referidos ao período do 1 de xaneiro ao 30 de setembro).

Respecto aos profesionais
O conselleiro do Medio Rural non quixo entrar na tradicional ‘guerra de cálculo’ de hectáreas queimadas en determinados incendios, que persegue a tódolos xestores forestais ano tras ano. A este respecto, Juárez unicamente lembrou que os técnicos que traballan no SDCIF (Servizo de Defensa Contra Incendios Forestais) son profesionais independentes, e practicamente os mesmos que en anos pasados, cando outros partidos gobernaban Galicia; asemade merecen, como calquera traballador do sector público ou privado, o máximo respecto sexa cal sexa a cor política do Goberno que dirixa a Xunta.


Grazas á Benemérita
Juárez quixo tamén agradecer o intenso labor desenvolvido polos Forzas e Corpos de Seguridade do Estado –e moi nomeadamente da Garda Civil- no que atinxe á vixilancia de montes, disuasión da acción incendiaria, e detencións de pirómanos, labor fundamental para que a gráfica xeral de número de lumes en Galicia vaia descendendo paseniño pero imparable.

Mercé a ese intenso traballo, ao longo do ano 2009 foron detidas 147 persoas como presuntas autoras de lumes forestais, 101 feitas reas pola Garda Civil, e 46 pola Policía Autonómica.

Tódolos datos, o sábado en Lugo
Unha vez realizada a necesaria valoración en sede parlamentaria, tal e como corresponde ao respecto institucional que a Xunta de Galicia brinda á cámara de representación de tódolos galegos, o conselleiro do Medio Rural exporá aos medios de comunicación polo miúdo tódolos datos relacionados con esta campaña contra o lume o vindeiro sábado 17 de outubro en Lugo